Axitación e propaganda, Teatro de – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Axitación e propaganda, Teatro de

Categoría:

Concepto procedente do movemento soviético, cuxo máximo expoñente foi o Outubro revolucionario de 1917, destinado a realizar novas postas en escena multitudinarias, que empregasen apeiros e elementos dos traballadores e falasen das demandas e opresións da clase obreira, sementando as bases ideolóxicas do comunismo.

O ámbito do traballo influíu e impulsou unha nova maneira de concibir a posta en escena, da que naceron novas técnicas coma a biomecánica de Meyerhold. Así, a relación con este ámbito industrial influenciou tanto ao deseño gráfico da cartelaría, coma a escenografía ou as técnicas de adestramento actoral. Neste último, Meyerlhold, a partir da idea taylorista de especialización en cadea para a eficiencia do proceso, esixiu dos intérpretes un nivel físico e un perfeccionamento das capacidades do movemento expresivo até límites coma o feito de ordenar aos actores saltar e adestrar polos tellados nevados de San Petersburgo, onde traballou para os teatros imperiais. Para as postas en escena, esta vangarda teatral revolucionaria tamén empregou figurinos tirados da indumentaria industrial e escenografías da mesma procedencia, con estadas, ramplas, cordas, mecanismos metálicos, etc.

A revolución rusa veu acompañada dun extraordinario movemento artístico experimental coñecido co nome de construtivismo. Cuestionaban os principios fundamentais da arte e preguntábanse polo lugar que ocuparía na nova sociedade. Empregaron os materiais científica e obxectivamente, coma calquera outro obxecto manufacturado, baseándose en secuencias seriais e xeométricas e nas lóxicas dos principios arquitectónicos. Malevich, Popova, Eisenstein, Tatlin, Alexandra Exter ou Rodchenko son algúns dos nomes máis representativos deste movemento artístico. Algúns acabarán abandonando o rumbo deste movemento, que derivará no realismo socialista soviético, corrente á que algúns se opuxeron e polo cal foron arrestados, como o caso do propio Meyerhold ou polo que padeceron un final tráxico coma o escritor Mayakovski, que se suicidou no ano 1930.

O termo transcendeu os lindeiros da Unión Soviética e serviu para nomear e agrupar a toda unha corrente teatral esquerdista e revolucionaria en contextos de represión, loita ou reivindicación. Nos Estados Unidos, naceron compañías que emprenderon con mómaros e artes de rúa, toda un movemento de influencia artística na renovación do teatro independente, coma as compañías Bread and Puppet, The Wooster Group, San Francisco Mime Troupe, etc. Algunhas delas abandeiraron movementos de reivindicación dos dereitos do campesiñado ou acompañaron aos movementos feministas e na conquista de dereitos para colectivos coma o LGTB.

Como apunta o investigador César de Vicente Hernando, as principais características do teatro de axitación e propaganda ou agit-prop son: a intervención en contextos específicos e actuais, o seu carácter colectivo tanto na organización creadora coma no papel activo dos espectadores e non neutral, o seu compromiso coa transformación social, a súa énfase, contraste e esaxeración, a ironía, a crítica e o impulso mobilizador.

 

Relacionado con