Político, Teatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Político, Teatro

Categoría:

Práctica teatral que persegue a contribución do teatro á revolución política proposta polo marxismo, de xeito que a representación e a práctica escénica sirvan para a toma de conciencia e a acción política por parte do público, entendido como pobo activo.

O investigador César de Vicente Hernando define o teatro político como “un concepto novo, unha nova lóxica de coñecemento de raíz estética e de corte materialista que produce unha ruptura na estética burguesa e abre unha nova problemática que conleva unha práctica nova.” A loita de clases e os procesos emancipatorios, deron lugar ao longo do século XX de novos paradigmas de creación escénica, coma o teatro de axitación e propaganda e outros modelos que supuxeron unha transformación estética en aras de procesos revolucionarios, reivindicacións proletarias, defensa da memoria, da igualdade ou do dereito de oportunidades. Un dos primeiros textos teóricos sobre este novo concepto foi O teatro político, de Erwin Piscator, do ano 1929. Neste texto propón un novo paradigma de creación sustentado na posta ao servizo da causa común, “unha nova forma de representación que fará pasar ao actor dun intérprete de individualidades a un portador de ideas da Historia universal. O que perseguimos non é a subxectivación da imaxe do mundo, senón a obxectividade que emana do material”.

Do mesmo xeito que Piscator persegue co seu manifesto a consolidación da socialización dos medios de produción para que o teatro sexa unha ferramenta crítica que prepare á sociedade para un futuro mellor, outras tendencias posteriores desta corrente racharon co teatro aristotélico e propiciaron novas metodoloxías e composicións que espertasen a consciencia crítica a partir do distanciamento (coma o teatro épico de Bertolt Brecht), estruturas dialécticas e de procura activa dun novo rol do espectador a partir da figura do espect-actor (o teatro foro de Augusto Boal) ou a utilización de materiais de corte antropolóxico, de investigación ou de mostra estilizada de material documental (como fai Peter Weiss co teatro documento).

O novo teatro político ou o teatro político posdramático procura nas novas loitas e discursos (lgtbi, feministas, contra o acoso, migrantes, etc.) diferentes maneiras para criticar os nuevos roles opresores do capitalismo, dos poderes mediático-políticos ou os auxes dos discursos xenófobos e represores das liberdades individuais na esfera pública. Revolucións festivas, irreverentes, extremas (escenas escatolóxicas, blasfémicas ou ao límite do físico), son características que podemos rexistrar como novas ferramentas de composición deste novo teatro político que ás veces ofende e esperta fortes polémicas, como podemos apreciar en espectáculos de Angélica Lidell (consciente de que o desprecio dunha parte significativa do público alimenta o valor e sentido da súa arte), Marco Layera, Jan Fabre, Romeo Castellucci, etc. Un teatro que, en calquera caso, está conectado con esa premisa básica do precursor Piscator, quen defendeu que o teatro, máis ca crónica dun tempo, debe saber adiantarse aos tempos e á realidade.

Relacionado con