Gestus – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Gestus

Categoría:

Termo específico da teoría do Teatro Épico de Bertold Brecht co que se refire á relación actitudinal entre os personaxes.

Para Bertold Brecht, a través dos personaxes sería imprescindíbel expresar a dialéctica social e económica do mundo e os actores e actrices deberan ser capaces de expresala a través das súas actitudes corporais. O gestus brechtiano, motivo fundamental do seu Teatro Épico segundo Walter Benjamin, ten que ver co comportamento social e a súa expresión en escena a través dos signos físicos do intérprete, que se derivaría ao resto dos signos empregados pola persoa que interpreta para expresar a complexidade do personaxe. Alén diso, o gestus (máis cá palabra en si, sempre dubidosa na súa retórica aristotélica) gardaría tamén a posibilidade de evolución do personaxe no marco socioeconómico e político imposto pola fábula; esa evolución, segundo Brecht, será visíbel a través dun gestus propio de cada escena, un gestus distanciador que pretendería facer o espectador consciente do artificio teatral xerado para a extrapolación das ideas da obra á acción política fóra da mesma. Dentro do gestus, por tanto, está un elemento compositivo e relacional a respecto dos demais personaxes (como se comporta ese personaxe cos demais) e mais un elemento político e actitudinal arredor da definición épica do punto de vista do personaxe que constrúe o artista (como é).

En sentido xeral, gestus é tamén un termo técnico empregado no teatro alemán desde Lessing para referirse á estilización interpretativa e estética do xesto empregada polo actor ou actriz na construción do personaxe. Neste senso, artistas coma Vsevolod Meyerhold vinculárono á idea de presenza escénica ou de desautomatización corporal.

 

Relacionado con