Epización – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Epización

Categoría:

Procedemento propio do teatro occidental a partir da segunda metade do século XIX polo cal foron abandonándose progresivamente algunhas das estruturas dramáticas máis características para introducir no drama estruturas propias da épica.

Os procedementos epizadores xorden na medida en que o teatro do século XX precisa introducir novos mecanismos hermenéuticos que, afastando a creación do ilusionismo e a recepción da identificación e a catarse, rompesen coa mímese inmediata e lograsen lecturas teatrais de orde máis política e actitudes irónicas sobre a propia condición do teatro coma artefacto estético. Neste senso, por suposto, é un mecanismo de epización a introdución de técnicas narrativas no drama (presenza de narradores, inserción de fragmentos narrativos ou fábulas, documentos históricos, etc.),  pero tamén a introdución de efectos de distanciamento que procuran dar conta ao espectador da complexidade histórica, política e socioeconómica do seu tempo, como acontece no Teatro Épico de Bertold Brecht.

Na literatura galega, Anxo Abuín ten sinalado a importancia  desta tendencia a través da obra de Daniel Cortezón, e Inma López Silva sinalou unha tendencia semellante na dramaturxia de Roberto Vidal Bolaño.

 

Relacionado con