Fábula – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Fábula

Categoría:

Tradución latina do grego mythos, que na Poética de Aristóteles se refería tanto á disposición dos acontecementos na traxedia coma ao propio relato dos feitos.

Na súa aplicación narratolóxica, empregábel tamén en análise escénica e dramática, o termo pasou a empregarse coma a orde cronolóxica e causal dos feitos, tamén chamada “historia”, e oposta ao concepto de “trama”, “intriga” ou “argumento”, que implica a creación artística e a complexidade dispositiva pola cal se organizan eses feitos na obra resultante.

Nos seus Escritos sobre teatro (1963), Bertold Brecht entende a fábula aristotélica coma unha organización básica de acontecementos que, ao ser argumentada no drama, implicará un determinado relato da Historia e, por tanto, unha intervención comprometida sobre o mundo. Brecht, por iso, propón tomar os acontecementos da fábula e dispoñelos nunha estrutura argumental fragmentaria e descontinua, mesmo desordenada, que permita realizar a quen recibe a obra un exercicio crítico de confrontación de alternativas. Esa é a base do distanciamento, exercicio que faculta para a (re)construción desa fábula (ou historia) a través da recepción da peza.

 

Relacionado con