Mundos posíbeis, Teoría dos – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Mundos posíbeis, Teoría dos

Categoría:

Proposta teórica que trata de explicar a formula compositiva da ficción, entendendo que todo construto ficcional xera un mundo diferente do mundo real en termos semánticos, cunhas normas de funcionamento xeradas pola propia organización da ficción determinada por modos de enunciación específicos dos discursos artísticos.

Nacida inicialmente no ámbito da filosofía analítica, a teoría dos mundos posíbeis axiña pasou á teoría literaria a través de semiólogos como Umberto Eco ou Lubomir Doležel preocupados por realizar unha relectura da teoría aristotélica que actualizase os seus conceptos básicos. A teoría dos mundos posíbeis, así, permitía unha reflexión ontolóxica sobre o estatuto da ficción artística, canle para a reflexión contemporánea sobre a noción aristotélica de mímese.

Na teoría dos mundos posíbeis estabelécese como real a existencia dun espazo de referencia (o “mundo actual”) que actúa como marco para o estabelecemento das normas de funcionamento dos “satélites” ou mundos posíbeis, cuxas normas serán as mesmas que as do mundo real a non ser que especifique o contrario. Así, o grao de realismo dos mundos ficcionais construídos nas obras artísticas dependerá do grao de proximidade ao referente. Por exemplo, o cine fantástico estaría moi lonxe do referente e, como xénero, estabelece a necesidade de explicitar as normas de funcionamento deses mundos, mentres que o cine realista, no extremo contrario, xera mundos moi próximos ao referente, motivo polo cal as súas normas de funcionamento non precisan ser especificadas dun modo tan preciso. As fórmulas polas que se transmiten esas normas de funcionamento ao destinatario da obra forman parte do propio mundo de ficción, modelizado a través do discurso específico de cada xénero. Por isto, os mundos posíbeis ou ficcionais xeran as súas propias verdades, determinadas pola súa lóxica interna, debidamente explicada a través do argumento, a enunciación ou as fórmulas compositivas da obra. É así como o concepto aristotélico de verosimilitude se ve actualizado a través desta teoría, ao tempo que a súa noción xeral de mímese se reexplica a través da idea de ficción e desde o vínculo entre referencia real e posibilidade semántica. É importante ter en conta, ademais, que a teoría dos mundos posíbeis, tal como a explica Mary Laure Ryan, contempla a necesidade de entendela no plano comunicativo-colaborativo, pois, segundo ela, é na recepción onde se completa a construción da ficción, xa que o proceso de interpretación da obra consistiría en dar carácter completo a esa entidade ficcional. Lubomir Doležel, porén, entende que todo construto artístico é necesariamente incompleto (é imposíbel contalo todo), de xeito que o labor de lectura consistiría precisamente en encher os ocos, espazos incompletos ou ámbitos de indeterminación que, necesariamente, quedarían abertos ao crear o mundo, e que só se enchen a través da comparación como exercicio hermenéutico para aproximar o mundo posíbel ao referente (mímese).

Keir Elam aplicou a teoría dos mundo posíbeis ao ámbito teatral con resultados satisfactorios, introducindo así tanto unha teoría sobre a ficción no teatro coma sobre os procesos de recepción e interpretación dos mundos ficcionais escénicos. Parte de tres afirmacións: 1) o espectador ou espectadora pode ler o espectáculo entendéndoo coma un contexto alternativo en relación coas regras convencionais (normalmente expresado de modo incompleto); 2) o espectador ou espectadora precisa proxectar os acontecementos futuros da acción, inferindo probábeis causas e efectos, enchendo ocos de información etc., de xeito que creará os seus propios mundos ao longo da representación que poden corresponder ou non coa realidade dos elementos relatados; e 3) o drama estrutúrase a través da presentación de posibilidades diferentes e a miúdo opostas que non poderán ser comprendidas a non ser que se aplique algún coñecemento previo sobre as leis que rexen eses mundos, sexa inferidas a través do drama ou deducidas desde a propia experiencia do mundo real.

Segundo Keir Elam, os mundos posíbeis no teatro son construtos hipotéticos ou asercións “coma se” (“as if constructions”), xa que o efecto de realidade xerado pola iconicidade do signo teatral obriga a introducir a comparación como criterio de codificación-decodificación, isto é tanto na enunciación escénica coma na hermeneuse. En definitiva, para Elam esa comparación (esencia da mímese aristotélica), a través da copresencialidade comunicativa propia da teatralidade, é a causante da conciencia de teatralidade ou do pacto de ficción.

 

Relacionado con