Calzado con base de cortiza que empregaban os actores da traxedia grega clásica nas representacións para os heroes e protagonistas, coa finalidade de pareceren máis altos. As togas e o resto da indumentaria caería ata o chan para ocultar estas plataformas e producir este efecto de altura á vista dos espectadores.
A diferenza do coro e dos sátiros, estes personaxes da traxedia diferenciábanse non só por levaren coturnos e estilizar así a súa presenza no theologeion, senón que tamén portaban outros elementos de atrezzo que os sinalaban cos ideais de beleza da época, por exemplo a máscara co seu onkos ou nó superior para axustar unha máscara de forma ovalada, non proporcional e coa fronte de maior tamaño, igualmente para sinalar o carácter aristocrático do heroe.