Didascalia – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Didascalia

Categoría:

Do grego διδασκαλία, que significaba “ensinanza”, trátase dun texto de extensión e alcance variábel, como un enunciado emitido por un narrador ou un observador externo e que adquire certo sentido só se se atende á lectura do texto escrito, prescindindo do espectáculo representado e as diferentes formas de intervención do personaxe na obra.

A didascalia é ese algo máis que palabras postas en boca dos personaxes do que fala José Luis Alonso de Santos, forma elocuente de expresar un dos dous discursos da dobre enunciación que estrutura a toma da palabra no drama, aquela cuxo enunciador é unha entidade indeterminada, a diferenza da concreción a través da voz dos personaxes que implica o diálogo.

Aínda que os termos máis comúns para designar esta parte textual “non pronunciada polos actores e destinada a esclarecer ao lector a comprensión ou o modo de presentación da obra” segundo Pavis, sexan acoutación (designación maioritaria nos estudos de ámbito hispánico) ou didascalia (Ubersfeld, Hormigón, Dompeyre, Issacharoff, Golpentia, Gallèpe, etc.), con certos matices de diferenciación dependendo dos autores, debemos engadir unha serie de denominacións e diferentes definicións máis ou menos clarificadoras: texto secundario (Ingarden), paratexto (Thomasseau), indicacións escénicas (Pavis, Aston e Savona), cotexto (Spang), bloque didascálico (Hermenegildo), texto didascálico (Martinez Thomas), etc.

O vocábulo didascalia en Grecia facía referencia ás ordes ou instrucións dadas polo autor aos seus actores, encamiñadas á representación do texto dramático. O feito de que non se conserven nos manuscritos esas indicacións debemos atribuílo a que nese contexto o autor era, normalmente, o encargado da súa posta en escena e incluso participaba como actor no espectáculo. Posteriormente, no teatro romano, as didascalias consistían nunha breve noticia sobre a obra xunto a unha listaxe dos personaxes, o dramatis personae. Este elemento de designación non reaparecerá ata o século XIX, concretamente na  obra de P. L. Courier, nun momento en que era preciso aclarar unha serie de elementos, xa que a figura do director de escena moderno comeza a se xestar, a embrionarse dentro desa xerarquía da creación teatral que crecerá frondosa ao longo do século XX con importantes figuras da dirección escénica como E. G. Craig, por exemplo, un dos principais e convencido formulador, por outro lado, do rexeitamento das didascalias para o oficio de director: “en canto ás indicacións escénicas coas que o autor criba o seu texto, -o director- nin se detén nelas, pois sendo un mestre na súa tarefa, non lle prestan a menor utilidade”. Así que o uso do termo didascalia referíndonos a textos doutras épocas que non sexan estas supón unha referencia ex nuovo que en ningún caso se refire ás indicacións do autor, senón ás anotacións posteriores do empresario ou do editor, como sucede no teatro español do Século de Ouro ou no teatro isabelino, por exemplo.

Actualmente, o termo “didascalia” aínda funciona de modo máis ou menos parello ao de “acoutación”, e fai referencia a unha realidade máis ampla da pegada do autor. Juan Antonio Hormigón explica que as didascalias proporcionan ao lector “informacións sobre diferentes aspectos da peripecia: indican o título, o posíbel subtítulo e o xénero da obra: estabelecen a nómina de personaxes, o dramatis personae, que inclúe o nome ou denominación xenérica de cada un e en ocasións a súa idade, o seu parentesco, a súa profesión, chegando ás veces a descricións pormenorizadas dos seus gustos, opinións e actitudes; defenden aos interlocutores, estampando o seu nome antes de cada réplica; dividen as cesuras do texto en actos, cadros, escenas, prólogo, epílogo, etc.; anticípanse ou interpolan no diálogo para proporcionar datos referentes ao espazo, o vestiario, o comportamento dos personaxes, as accións, o ritmo verbal, o sentido das réplicas, o son, a iluminación, etc.”

Algúns autores empregaron as didascalias como un elemento poético ou narrativo e posúen un auténtico protagonismo que en ocasións salta do libro á escena como voz en off, texto proxectado ou como intervención dalgún personaxe. Por exemplo, nalgunhas pezas de Valle-Inclán ou de Roberto Vidal Bolaño ou as descricións cinematográficas con todo o detalle do realismo sucio que vemos en Limpeza de sangue, de Rubén Ruibal, son algúns destes casos.

Deste xeito e atendendo á gran diversidade de funcións, usos, extensión ou integración destes fragmentos nas pezas dramáticas, á beira das modalidades de intervención dos personaxes, propoñemos a seguinte clasificación:

 

Didascalias globais latentes

Didascalias patentes

Didascalias intradialogais

Didascalias extradialogais

-Macrodidascalias

Limiares

Epilogais

Dramatis personae

Títulos, subtítulos e notas

-Didascalias proxémicas

-Didascalias kinésicas

-Didascalias accionais

-Didascalias paraverbais ou da oralidade

Melódicas

Directivas

-Didascalias físico-psíquicas e actitudinais

-Didascalias obxectuais e plásticas (atrezzo, maquillaxe, deseño do espazo escénico, vestiario, etc.)

-Didascalias técnicas (música, iluminación, audiovisual, etc.)

-Didascalias locativas e temporais (contextuais, polo tanto referidas ao espazo dramático e ao tempo diexético)

-Metadramáticas ou metaespectaculares

Críticas

Reflexivas ou metanarrativas

-Didascalias subxectivas, poéticas ou de imprecisión

(Meta)narrativas ou poéticas

De información non concretizada, complementaria, alternativa

 

 

Relacionado con