Dobre enunciación – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Dobre enunciación

Categoría:

Característica propia da dramaticidade que estrutura o discurso dramático a través de dúas modalidades discursivas diferentes. Unha, a das didascalias, constrúe un suxeito da enunciación indeterminado que algúns autores identifican co “autor implícito”; a segunda, a dos monólogos, diálogos ou polílogos, ten como suxeitos da enunciación as figuras ficcionais do drama.

O termo débese a Anne Ubersfeld, que na súa obra Lire le théâtre I (Ler o teatro I, traducido ao español como Semiótica teatral) de 1977, explicaba a comunicación teatral a partir do discurso totalizador do autor dun texto que, desde a súa fórmulación escrita, tería a capacidade para organizar a mensaxe escénica. Na procura dos mecanismos teóricos que xustificarían tal afirmación, Ubersfeld desenvolveu o concepto de dobre enunciación, que distingue dous discursos no drama. Por unha banda, atribuiríase á voz autorial o discurso das didascalias que, á súa vez, serían o punto de partida para a emisión dos signos non verbais da posta en escena a través da súa intención imperativa. Pola outra banda estaría o discurso das figuras, expresado a través da toma da palabra directa dos personaxes. Deste xeito, o drama amósase para Ubersfeld coma unha ficción que se constrúe grazas á recreación dunha situación comunicativa cotiá, na que a parte lingüística vén representada polo discurso das figuras e a parte extralingüística, polo discurso das didascalias, atribuído a un emisor ficcional indeterminado ou, en opinión de moitos, a un autor implícito (e non ao autor/escritor, entidade emisora real cuxa presenza na ficción é imposíbel).

Independentemente da dificultade de soster desde unha perspectiva lóxico-teórica a afirmación de que o texto organiza a posta en escena, o certo é que o termo de Ubersfeld si foi aceptado na teoría dramática que explica o teatro como xénero literario que se distingue dos demais, precisamente, pola súa particular forma de recrear a toma da palabra.

Cómpre ter en conta que a dobre enunciación está directamente relacionada coa dramaticidade e non coa teatralidade.

 

Relacionado con