Dramaticidade – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Dramaticidade

Categoría:

Propiedade esencial da literatura dramática. É o especificamente dramático, aquilo que outorga a condición de dramático a un texto, distinguíndoo por tanto doutros xéneros literarios coma a narrativa ou a lírica.

Os factores que determinan a dramaticidade teñen que ver coa condición literaria do texto, isto é, co emprego para a expresión de signos lingüísticos e a construción dunha situación comunicativa diferida na que a emisión se produce nun momento e nun espazo e a recepción en tempo e/ou espazo distintos. Pero sobre todo, a dramaticidade vén determinada co modo de enunciación do texto, optando neste caso polo que Anne Ubersfeld denominou “dobre enunciación”, isto é, a disposición discursiva da palabra a través de dúas tomas da palabra atribuídas a suxeitos distintos, unha a dos personaxes directamente a través do diálogo e outra a das didascalias, de enunciador indeterminado.

Como propiedade vinculada aos textos teatrais, cómpre distinguila da teatralidade.

 

Relacionado con