Heroe – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Heroe

Categoría:

Personaxe principal ou protagonista que actúa como motor do argumento.

Na teoría aristotélica e, por tanto, no teatro grego, o heroe é o protagonista tráxico por definición, xa que se erixe en obxecto da mímese na traxedia ao se tratar dunha figura elevada, tanto pola súa condición social coma polo seu carácter virtuoso. O heroe, para Aristóteles defínese a través das súas accións e estas determinan o argumento da obra, de xeito que, ao comprender as súas decisións e actitudes sobre o mesmo, se logra a identificación entre heroe e público, esencial para lograr a catarse.

No teatro clásico, por extensión, o heroe é aquel personaxe (predominante varón, branco, de clase alta e novo) que canaliza o proceso de identificación, non só debido á estrutura argumental causal, senón tamén debido a que é o personaxe sobre o que máis se afonda e, polo tanto, sobre o que o público ten máis información para poder estabelecer un xuízo. O heroe clásico, por tanto, implica a propia acción dramática e eríxese en protagonista absoluto da peza; ademais, como compendio de condicións de desexabilidade social, é o símbolo dun modelo de comportamento e paradigma da superioridade moral.

A partir do século XIX, o heroe perde o valor exemplarizante (virtuoso) que lle outorgara a poética aristotélica, e pasa a identificarse co personaxe principal ou protagonista, tanto na traxedia coma na comedia. O concepto de heroe, xa que logo, esvaécese e pasa tamén a referirse a entidades con importancia estrutural-argumental na peza (heroes colectivos, heroes abstractos) ou a aqueles protagonistas que, efectivamente, logran xerar a identificación co espectador, aínda que os motivos non sexan nin o seu virtuosismo nin o seu rango elevado, senón a súa sensibilidade ou a súa capacidade para integraren a moral do seu tempo. Os heroes do naturalismo, finalmente, perseguen amosar a complexidade natural do ser humano, algo que os fai, por tanto, efectivamente identificábeis con cada un dos integrantes do público. Deste xeito, xorde o concepto de antiheroe, produto da aplicación da ironía sobre a condición heroica clásica e, por tanto, elemento esencial da reformulación da poética aristotélica e da procura do distanciamento. A ruptura co concepto clásico de heroe e, en consecuencia, coa relevancia estrutural e argumental do personaxe, é segundo críticas coma Elinor Fuchs, unha das características esenciais do teatro contemporáneo.

 

Relacionado con