Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Eccycleme

Categoría:

Elemento escenotécnico utilizado no teatro grego antigo para producir determinados efectos visuais ou dramatúrxicos. Era unha plataforma con rodas, de madeira e con capacidade para soportar o peso de unha ou dúas persoas.

As regras do decoro no teatro grego antigo recomendaban que no escenario non se visen escenas que puidesen afectar á orde social, á moral ou ás regras e convencións sociais. Para evitar esa crise emocional colectiva nun espectáculo multitudinario e con carácter ritual e celebrativo, estes aparellos axudaron a realizar cambios áxiles e aparicións de cadáveres ou para presentar algún personaxe con efecto cómico, reforzando algunha das súas características físicas cunha plataforma móbil que podía crear o efecto visual determinado en función da velocidade e do ritmo do movemento da mesma.

Forma parte da mechané, perfeccionada e ampliada na época de Eurípides e tamén podía ser xiratoria. A súa entrada producía, ao igual ca outros mecanismos, unha gran admiración e impacto na audiencia da época, que vía como aparecían, normalmente pola porta principal da skené, personaxes nestas sinxelas plataformas rodantes que normalmente amosaban o resultado ou a consecuencia dun suceso que ocorre fóra do escenario.

Relacionado con