Decoro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Decoro

Categoría:

Concepto referido á aptitude do teatro clásico, fundamentalmente no aspecto textual, en relación cun equilibrio entre forma e contido que determina a corrección da obra.

Vinculado á retórica clásica, o decorum ou decoro tiña que ver coa harmonía entre todos os elementos do discurso, tanto desde un punto de vista interno (a boa organización das partes do discurso desde unha perspectiva semántico-formal) coma externo (o axeitamento pragmático ás circunstancias da recepción, ás esixencias de orde social e moral e ás convencións da situación comunicativa).

A principal teorización clásica sobre o decoro é a de Horacio, na súa Ars Poética ou Epístola aos Pisóns (s. I a.C.), onde, sintetizando neste concepto os principais preceptos aristotélicos arredor da verosimilitude como correcta organización do argumento e do deseño do carácter do heroe desde a virtude, estabelece unha poética preceptiva que xira arredor do decoro ou corrección como fórmula de limitación á hora de crear a mímese poética, tanto desde unha perspectiva semántico-pragmática coma desde unha perspectiva formal ou xenérica. Cicerón, pola súa banda, recollera tamén a idea de que, na oratoria, o decoro implicaba un axeitamento entre a forma de expresión e o tema tratado, cuestión que aplica Horacio e que vincula finalmente cos xéneros poéticos e unha serie de aspectos vinculados ás formas literarias e caracterización dos seus personaxes definitorios. O decoro horaciano, por tanto, eríxese en guía de construción da obra desde o momento en que aglutina en si mesmo a súa idea de mímese de modelos que poden atoparse tanto na tradición literaria (retractatio) coma na propia natureza, que para Horacio é, en si, decorosa dada a súa harmonía consubstancial.

Durante a Idade Media, o decoro substituirá en importancia teórica á noción de verosimilitude do aristotélica, e, esquecido Aristóteles, irá configurándose como o concepto teórico que explica a consideración do horizonte de expectativas dentro da propia construción da obra. Así, segundo os parámetros medievais, será decoroso aquilo que resulta asumíbel (sexa por tradición, por natureza ou por convención moral) para a persoa a quen se destina o texto. Esta idea estará no xerme da lectura que se realiza da Poética de Aristóteles cando é reinterpretada a partir do século XVI, pois se dá unha interpretación do concepto de verosimilitude a través do filtro do decoro. Deste xeito, pasará a ser verosímil non aquilo que se xustifica loxicamente segundo as normas impostas polo argumento da obra (concepto aristotélico) senón que será verosímil aquilo que se axuste ás leis do decoro, unhas leis que oscilan entre unha consideración formal vencellábel ao horizonte de expectativas ou mesmo ás convencións estéticas imperantes, e unha consideración moral-cristiá con crecente poder na Europa do Clasicismo, con especial intensidade na Francia do XVII. Este concepto de decoro estará presente na preceptiva clasicista da regra das tres unidades ou do axeitamento xénero-personaxe-modalidade de discurso, cuxa discusión se pode ver, nun contexto próximo ao noso, na poética en verso de Lope de Vega El arte nuevo de hacer comedias (1609).

Posteriormente, a importancia teórica do decoro diminúe, probabelmente a causa da crecente relevancia dada á xustificación poética da mímese realista como modelo para a posta en escena e a posta en dúbida das poéticas preceptivas, malia a asunción do didactismo como motivo teatral no XVIII e no XIX.

 

Relacionado con