Convención – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Convención

Categoría:

Norma de comportamento tanto creativo coma receptivo que senta a base dun acordo a través do cal as persoas que interveñen na comunicación escénica asumen que o resultado das accións en escena é unha obra estética, non real, parámetro fundamental para a súa interpretación e valoración.

A convención teatral é un conxunto de accións, características e normas explícitas e implícitas indispensábeis para que a comunicación teatral teña lugar. Polo tanto, as convencións forman parte do proceso de codificación da obra e deben ser coñecidas para a súa decodificación. Esas regras están destinadas a estabeleceren o chamado pacto escénico, un acordo entre escena e público que asegura que o artefacto escénico será interpretado como tal e non como realidade, así como para garantir o pracer estético desa experiencia comunicativa.

Patrice Pavis sinala que cómpre entender que, en canto á súa función, hai convencións que serven para caracterizar ou facer verosímiles aspectos que non son a priori convencionais, e convencións que se declaran de entrada como instrumento artificial. Alén diso, distingue catro tipos de convencións teatrais:

  1. Convencións das realidades representadas, que implican o aproveitamento da mímese sobre o referente real para non ter que explicitar toda a información.
  2. Convencións de recepción, que teñen que ver cos procedementos que pon en funcionamento a persoa á que se destina a obra poida desenvolver correctamente o proceso de decodificación da mensaxe.
  3. Convencións especificamente teatrais, que teñen que ver coas fórmulas desenvolvidas ao longo da historia pola posta en escena destinadas a estabelecer co público un acordo de minimización ou hipercodificación daquelas prácticas ou elementos que, doutro xeito, poderían romper a ilusión escénica ou aparencia de realidade (por exemplo, cuarta parede, apartes, presenza do coro, lugar polimorfo, tratamento do tempo, liñas de interpretación antinaturais, etc.)
  4. Convencións propias dun xénero ou forma específica, que se engadirían ás anteriores para caracterizar un estilo ou xénero e estabelecer un código estético específico (o decorado verbal no teatro isabelino ou a caracterización dos actores na commedia dell’arte).

 

Relacionado con