Dramaturxista – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Dramaturxista

Categoría:

Persoa que exerce a profesión consistente en preparar un texto para a representación ou en intervir nun texto de calquera natureza e xénero e facer posíbel que teña elementos dramáticos, é dicir, facelo apto e eficaz para a súa posta en escena a través da dramaturxia.

O profesor e director Juan Antonio Hormigón enumera as seguintes tarefas que pode levar a cabo un dramaturxista, algunhas delas con longa tradición en teatros de repertorio de países europeos (sobre todo en Alemaña, onde case todos os teatros municipais contemplan a existencia dun Departamento de dramaturxia) e outras nos escasos teatros ou compañías da nosa contorna que contan con esta figura:

  • Actuar como dinamizador e interlocutor do director de escena, estimulándoo.
  • Impulsar a realización do traballo en colectivo, de modo que exista unha interrelación entre os diferentes oficios participantes n posta en escena.
  • Intervir na definición do repertorio a través da lectura e selección de textos que permitan intervir na articulación de parámetros culturais, escénicos, políticos, sociolóxicos, etc.
  • Busca de temáticas e investigación das mesmas.
  • Traballo cos autores e elaboración de obradoiros de escrita.
  • Realización de adaptacións.
  • Colaboración no desenvolvemento da posta en escena dende os seus inicios e no seguimento posterior do espectáculo.
  • Selección e busca de información para os procesos de investigación.
  • Participación na elaboración de documentos coma o programa, o dosier, revistas, material promocional, etc.
  • Ordenar os arquivos e redactar a memoria das diferentes escenificacións.
  • Proxección das actividades da institución teatral.
  • Profundizar no coñecemento do público realizando tarefas para analizar tanto cuantitativa coma cualitativamente as audiencias e o público potencial.
  • Organizar colectivos e grupos dentro da compañía e cos espectadores.

En conclusión, as actividades principais dun dramaturxista poderían resumirse en tres actividades básicas: seleccionar, preparar e traducir textos para a representacións, asesorar ao director e ao conxunto de creadores escénicos e estabelecer tarefas de mediación cos públicos.

Dende a primeira experiencia de contratación dun profesional para estas tarefas, Lessing no Teatro Nacional de Hamburgo, este perfil foise implantando nalgúns teatros europeos e dos Estados Unidos para dotar de estabilidade e identidade ao repertorio e desenvolver unha dramaturxia da recepción característica e visíbel. O estudoso Leon Katz estabelece unha serie de competencias que debe reunir este profesional para desempeñar adecuadamente a súa actividade profesional. Serían: ter sensibilidade crítica e capacidade para realizar informes adecuados ás necesidades de cada ámbito; ter capacidade para traducir varias linguas e estabelecer un repertorio amplo, diverso e sistematizado; ser quen de realizar investigacións académicas; realizar axeitadamente adaptacións, reducións ou reordenacións de textos sen que se perda a súa lóxica interna; ter coñecementos para elaborar cadernos pedagóxicos ou guías didácticas; ter destrezas para traballar en grupo e liderar un plan de produción, así como de participar activamente na selección do elenco; ter habilidades comunicativas e capacidade para transmitir adecuadamente a información dun espectáculo nos dosieres de prensa e noutros materiais promocionais; poder elaborar un rexistro e documentación de materias relacionados co proceso de difusión da súa institución ou compañía; etc.

Relacionado con