Auto – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Auto

Categoría:

O auto ou auto sacramental é un xénero dramático renacentista, con orixes no teatro relixioso medieval.

Durante o Renacemento, en España e en Portugal cultivouse este xénero que se representaba en carros con grande profusión ornamental ou para capelas e igrexas específicas. Hai exemplos de autos que amosan o seu carácter híbrido, pola capacidade de integraren asuntos litúrxicos con temas pastorís e diluíndo as etiquetas doutros xéneros que é quen de asimilar coma as moralidades, as farsas ou os misterios. Os estudosos sinalaron que o auto sacramental é o resultado dun proceso, xenuinamente ibérico, de longa evolución da peza pastoril á que se lle quixo engadir algunha innovación para integrar aspectos didácticos relixiosos, haxiográficos ou eucarísticos.

Algunhas das características xerais destas pezas, que tanto cultivou o escritor Gil Vicente, son: o seu compoñente alegórico e abstracto, que tamén se reflicte nos personaxes como personificación de ideas, virtudes ou elementos; a fábula adoita estar ao servizo dunha tese ou demostración, e o marco espazo-temporal está caracterizado pola ucronía e o antirrealismo, coma unha paisaxe da alma.

Tivo un desenvolvemento profuso ata a época Barroca, concretamente ata que foi decretada a súa prohibición por Carlos III no ano 1765 polos compoñentes de fantasía, fastuosidade e irracionalidade incompatíbeis cos novos ideais da ideoloxía ilustrada que defendía a actividades que contivesen unha utilidade en beneficio da razón e o progreso. Certamente a representación dos autos nos carros e o seu carácter festivo adquirido en datas sinaladas coma o Corpus ou o Nadal, foi medrando en espectacularidade e sofisticación tanto dos elementos decorativos coma dos efectos visuais especiais e sonoros que servían para a representación destas composicións en verso musicadas. Fume, lume, auga, elementos naturais, teas pintadas, poleas e trapelas para facer aparecer e desaparecer personaxes, voar outros ou camiñar sobre as augas, era o que se podía atopar nestas construcións, algunhas con forma de barco, que podían conter niveis para a representación dunha escena nunha torre ou mirador, cabezas de cans xigantes ou figuras mitolóxicas coma grifos alados ou tarascas e serpes. Os efectos de sorpresa e maxia estaban ao servizo dunha tremoia que permitía utilizar mecanismos para mover nubes, facer aparecer novas escenografías ou ilustrar catástrofes ou efectos sobrenaturais.

Existe outro tipo de auto, chamado Auto de fe. Nel, o que comezou sendo un xuízo na praza pública, realizado pola Inquisición a persoas herexes, acusadas principalmente de bruxaría ou prácticas xudaizantes, acabou converténdose nun espectáculo festivo e multitudinario extracotián, coma as touradas. Estes procesos realizábanse moitas veces precedidos por unha procesión o día anterior, como se pode ver na Festa da Istoria de Ribadavia, que recrea a procesión da Cruz Verde coa listaxe de acusados e o motivo da súa condena a morte. O obxectivo do Auto era, a través da súa teatralidade, alertar ao pobo e reconciliar aos acusados coa fe católica, mostrando o seu arrepentimento. A representación tiña unha estrutura, uns oficiantes e uns elementos escenográficos coma sambenitos, fachos, estandartes ou indumentaria que sinalaban a solemnidade e a causa dos culpados diante do público congregado, para o cal ás veces ata se habilitaban palcos, como se pode apreciar nalgúns lenzos que representan a celebración de Autos de fe na Praza Maior de Madrid ou de Valladolid, coma o de Francisco Rizi, do ano 1683, conservado no Museo do Prado.

Relacionado con