Moralidade – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Moralidade

Categoría:

Propia da posta en escena medieval, é unha peza de carácter alegórico que ten unha especial relevancia en Francia e en Inglaterra entre os séculos XIV e XVI e que é froito da evolución dos misterios medievais, pero cun carácter máis secular. Tamén está emparentada coas danzas macabras, xénero que apoiou a propia igrexa para aliviar e purgar os efectos das pestes que asolagaban Europa e que chegaron a aniquilar un terzo da poboación. Nestas alegorías atoparemos personificacións de diversos atributos morais que intentan conducir a audiencia cara a unha vida piadosa.

As moralidades parten da crenza de que a humanidade posúe un certo control do seu destino despois da morte durante o seu paso pola terra e por iso tentan conducir a conduta representando escenas de personaxes tipificados entre o ben e o mal, fomentando unha serie de valores.

Unha obra paradigmática deste tipo de teatro é Ordo Virtutum, escrita pola abadesa Hildegarde de Bingen, en latín, malia que a maioría destas pezas estarían en lingua vernácula, autora tamén da composición musical, para inaugurar o mosteiro de Rupertsberg (Alemaña) no ano 1152. Nesta obra podemos observar o tipo de personaxes que acostuman formar parte das moralidades, entre as que figura a Alma (protagonista da historia, un pecador que se rexenera mediante a penitencia) e as virtudes, que se opoñen ao diaño. O estudoso Xosé Carlos Santos Paz apunta que se poden estabelecer tres tipos de virtudes:

  1. Humildade, Caridade, Temor de Deus, Obediencia, Fe e Esperanza: é o grupo que forman, por unha banda, as virtudes teologais e Temor de Deus (que moitos autores mencionan como virtude relacionada coa Caridade) e, por outra banda, as dúas primeiras virtudes que se deben gardar no mundo monástico beneditino (Humildade e o primeiro dos seus graos, Obediencia). Todas elas teñen a función de mediatrices, de conducir os homes á patria celestial.
  2. Castidade, Inocencia, Desprezo do mundo e Amor Celeste: estas virtudes louvan a castidade e o abandono do mundo.
  3. Disciplina, Vergoña, Misericordia, Vitoria, Discreción e Paciencia: estas louvan o respecto aos bos costumes; tamén son o brazo armado contra as insidias diabólicas.

Existen moralidades curtas, coma unha especie de interludio ou epílogo doutras obras principais, e outras máis extensas, como é o caso de Moralité de l’Homme juste et l’Homme mondain (1476) e que representa o tema da viaxe espiritual. Outros títulos son The Castle of Perseverance (1425) ou Everyman (1495).

Relacionado con