Mómaro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Mómaro

Categoría:

Máscara xigante ou cabezudo que reciben esta denominación en certas zonas de Galicia, coma Betanzos, Ribadavia ou Pontedeume.

Etimoloxicamente, esta denominación está emparentada cos momos medievais e coa voz latina momum (máscara), que ben puido ser empregada nas artes de rúa na época medieval, con influencia da tradición popular italiana.

O dramaturgo e actor Roberto Vidal Bolaño empregou estas figuras para a elaboración de pezas de rúa coma Ruada das papas e o unto (1979). Estes personaxes son unha demostración da tradición e do patrimonio cultural popular galego na nova dramaturxia galega, como é o caso do autor compostelán. Como se pode ler na didascalia inicial, na que se describe a situación e a caracterización de seis mómaros, existe unha clara influencia destes bonecos xigantes manipulados por homes e mulleres e de esaxeradas proporcións: “O carro din que viña cheo de grandes mómaros mouros, feitos con farrapos vellos, con cacholas de máis de dous metros e medio e corpos que, polo menos, eran coma os de sete homes enteiros postos uns riba dos outros.”

Relacionado con