Plataforma de madeira de, aproximadamente, dous metros de altura e normalmente con rodas sobre a cal se representaban os misterios medievais. Para ocultar as rodas ou as persoas portadoras, podían empregar teas con escudos e simboloxía relixiosa arredor da parte inferior e tamén podían ter unha parte ou seren totalmente cubertas.
O teatro fóra das igrexas tivo un espectacular desenvolvemento a partir da celebración do Corpus, introducida polo Papa Urbano IV en 1264, tomando como eixo da mesma unha procesión, onde se foron intercalando representacións relixiosas sobre carromatos. Ditos actos, en España, darán orixe aos autos sacramentais de enorme desenvolvemento e espectacularidade tras o Concilio de Trento, no S.XVI.
Tras a expulsión das representacións dos misterios dos adros das igrexas, o paso evolutivo destes espectáculos que aproveitaban a iconografía da arquitectura relixiosa como fondo e polo tanto como elemento sígnico, foi a súa acollida nas procesións, mais non só relixiosas, pois co tempo, ademais do Corpus,os carros tamén se empregarán para celebracións públicas, conmemoracións relixiosas coma canonizacións, actos de coroación, visitas solemnes nas cidades, etc.
Como nos indican Jaume Lloret, César Omar García e Ángel Casado en “Documenta títeres” da Biblioteca Virtual Cervantes, este carros tamén recibirán o nome de “Carros triunfais” e terán unha gran acollida e perfeccionamiento técnico e decorativo durante o Barroco, ao presentar artefactos más complexos da tremoia, exportados dende os espazos escénicos dos palacios a estas estruturas móbiles que poderían conter zonas xiratorias, bocas de animais articuladas, fontes botando auga, rodas con candís, columnas salomónicas xiratorias, lenzos pintados, decoracións en forma de nubes, soles, figuras vexetais, mitolóxicas, etc. Tamén nos recordan estes investigadores que os temas dos carros triunfais eran relixiosos ou profanos, “predominando os primeiros, que se extraían basicamente do Antigo Testamento ou das vidas e milagres da Virxe e dos santos. Moitas cidades sacaron escenas con figuras móbiles: hai noticias de Alicante, Barcelona, Santiago de Compostela, Sevilla, etc. Pero foi Valencia a que destacou na construción destas carrozas, chamadas tamén rocas, que alcanzaron gran plasticidade. Entre as figuras mecánicas de santos mellor documentadas temos a de San Luis Beltrán bendicindo o mar para que cesase unha tempestade (1609), Santo Tomás de Villanueva rescatando aos cautivos de Cullera, dando esmola aos pobres ou cosendo un xubón (1659), San Onofre recibindo nas súas mans un pan que lle entregaba un corvo (1663), o anxo San Gabriel anunciando a inmaculada concepción de María (1663), etc.”
Estes espectáculos achegaron a todos os públicos o gusto pola novidade, o movemento e a magnificencia da época barroca, con escenas que causarían asombro, sorpresa e efectos visuais de diverso tipo como barcos navegando, imitación de movementos animais, figuras voadoras, aparicións espantáneas ou rápidas desaparicións.
No Reino Unido, estes carros chamados pageants, evoluíron ata se converteren no escenario específico sobre o se realizaban as escenificacións das mascaradas no período Tudor.