Mansión – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Mansión

Categoría:

Do francés maison, “casa”, é o escenario propio da posta en escena medieval, consistente nunha plataforma, polo xeral armada sobre un carro, onde se situaba a escenografía alusiva á ficción escénica.

Sabemos, a través de crónicas coma a do Misterio da Paixón de Valenciennes (1547) e a ilustración de Hubert Caillou sobre a mesma, que a posta en escena medieval xustapuña varios espazos a través desas mansións onde tiñan lugar distintos fragmentos da historia, seguramente nunha representación simultánea na que era o público quen se achegaría á acción que tiña lugar en cada un deses escenarios. É por isto polo que a disposición tendía a ser circular, manténdose polo xeral dúas mansións fixas, nos extremos, a do Paraíso e a do Inferno, ambas as dúas dotadas coa imaxinería medieval simbólica alusiva a estes espazos mitificados (as esferas do ceo, a boca de Leviatán, etc.).

 

Hubert Caillou, Misterio da Paixón de Valenciennes

A disposición sobre carros das mansións facilitou tamén que, en determinadas tradicións coma a española, este teatro fose de carácter procesional, como se comproba na descrición de múltiples autos sacramentais realizada nas Memorias de Aparencias de Calderón de la Barca.

Relacionado con