Traxicomedia – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Traxicomedia

Categoría:

É un dos grandes xéneros teatrais, que nace no teatro romano e mestura elementos grotescos, cómicos e tráxicos. Fíxose moi popular en Francia no séxulo XVII e na actualidade, pezas contemporáneas coma Traxicomedia do vento de Tebas, namorado dunha forca, de Manuel Lourenzo, demostran o interese por este xénero que permite cualificar burlescamente cuestións políticas, domésticas ou morais equilibrando trazos farsescos con peripecias tráxicas. No Renacemento, temos un exemplo de peza paradigmática en expresión castelá, como é a Traxicomedia de Calisto e Melibea, coñecida como La Celestina.

María Paz Grillo Torres sinala as seguintes características deste xénero híbrido:

  • As obras teñen un ton serio.
  • A acción complícase con múltiples peripecias.
  • O tema principal soe ser o amor, sobre todo o amor paixonal. A violencia sempre está presente, xa sexa pola existencia dun tirano, pola maldade dun rival, por efecto dos celos, etc.
  • O desenlace pode ser feliz ou desgraciado.
  • Os personaxes non son históricos. Proveñen da novela ou doutras obras literarias. Son de rango elevado -rei e nobre-. Están presentados de forma esquemática, en función dun sentimento ou unha paixón -amante, rival, cruel-. Cos personaxes principais coexisten outros de orixe plebea.
  • A presenza de elementos tráxicos e cómicos non implica que correspondan a uns determinados personaxes, posto que o cómico pode estar a cargo inclusi dos personaxes de alto rango social, xa sexa por equívocos ou outra circunstancia.
  • A presenza do cómico, na linguaxe ou na situación, non é sencial na traxicomedia, pero acostuma ocorrer en todas as épocas, aínda que haxa tamén excepcións.

Relacionado con