Traxedia contemporánea – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Traxedia contemporánea

Categoría:

O xénero clásico da traxedia, coas súas partes (prólogo, párodos, episodios e éxodo) non se cultiva como tal hoxe en día, pero si hai textos actuais, que tratan problemáticas e personaxes en situacións sociopolíticas do noso tempo que teñen algúns trazos característicos vinculábeis ás características esenciais da traxedia como xénero tal como o explicou Aristóteles. O heroe ou protagonista da traxedia contemporánea segue realizando accións que seguen a xeran conflito e un erro tráxico, unha hybris, un recoñecemento e produce finalmente un efecto de catarse.

Dramaturgas coma Sarah Kane amósannos que a esencia da traxedia permanece na creación de personaxes que loitan contra o seu destino. Personaxes descridos, movidos polo azar ou polo destino, pero que lles agarda o final da existencia colectiva tal e como a coñecemos. Outros coma Arthur Miller, Buero Vallejo ou Raúl Dans crean tramas en que as estratexias da traxedia, xunto coa boa administración do suspense, crean estruturas similares a aquel xénero cultivado por Eurípides ou Corneille na traxedia moderna. O descubrimento do castigo do tempo ao recoñecer o horror nunha relación incestuosa, as consecuencias dunha acción inconsciente ou precipitada que afectan ao máis prezado ben forxado, etc., son esas tramas de personaxes cotiáns, en situacións familiares, que podemos considerar como protagonistas desa traxedia contemporánea.

O catedrático de Filoloxía Latina da Universidade Complutense de Madrid, Francisco García Jurado, comenta nesta clave a obra do libanés Wajdi Mouawad no seu blog:

“Se Edipo é o protagonista absoluto da obra de Sófocles, en Mouawad, o personaxe equivalente, Nihad, é desprazado a un ámbito un tanto marxinal dunha terceira persoa. Edipo busca e inquire, mentres Nihad é buscado co fin de entregarlle dúas cartas que a súa nai/vítima lle escribiu: unha como fillo nacido do seu ser, outra como pai dos seus dous fillos menores. Esta é probablemente a gran diferenza entre a antiga traxedia e a nova, se ben non é a única.” Pola súa banda, a profesora María Paz Grillo Torres afirma que “gran parte da crítica sostén que en todas estas obras se encontran elementos tráxicos, pero non constituirían verdadeiras traxedias, debido á imposibilidade de volver ao xénero pola falta de crenza nunha instancia superior, xa que o mundo actual eliminou todo idealismo e instalouse na ausencia de calquera elemento trascendente.”

Relacionado con