Audición – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Audición

Categoría:

Proba de selección do elenco, tanto para o teatro coma no medio audiovisual. O termo audición é máis empregado no ámbito musical, polo que nas artes escénicas tamén se usa para referirse ás probas do teatro musical.

Tamén chamada casting, é o método máis utilizado no ámbito audiovisual para conformar o reparto dunha serie televisiva ou dunha obra cinematográfica e nel o director, produtor ou realizador convoca de maneira individual, por parella ou en grupo a unha serie de persoas candidatas que preparan a proba en base a uns parámetros, memorizando o texto dunha escena, preparando un monólogo ou analizando o personaxe a partir do cal poderá ter que realizar unha serie de improvisacións para amosar as súas aptitudes físicas, reactivas, os movementos e todas as capacidades creativas que poidan sorprender ás persoas que realizan a selección. Este é un momento crucial e de fraxilidade, mais no cal o actor ou actriz terá que mostrar seguridade e control das situacións.

Previamente á proba, as persoas candidatas teñen que presentar normalmente un curriculum e a audición pode ter varias fases e procesos metodolóxicos en función daquilo que estea buscando a dirección, tanto para un perfil individual coma para as dinámicas dun grupo.

Pode haber audicións abertas ou máis selectivas e nelas, ademais das aptitudes, tamén se poden valorar as actitudes fronte ao traballo, ao contexto e o proceso, normalmente en ámbitos de teatro social ou nas probas de acceso do ámbito educativo coma as das escolas superiores de Arte Dramática.

 

Relacionado con