Relixioso, Teatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Relixioso, Teatro

Categoría:

Na época medieval, misterios, milagres, autos e todo tipo de pezas de contido bíblico, carácter didáctico sobre asuntos relacionados coa moral cristiá ou divulgación de episodios no culto, sobre todo relacionados coa paixón, morte e resurrección de Xesucristo.

Existe unha evolución e orixe deste tipo de teatro asentado nos tropos, introducidos na liturxia no século X  e que son o prototipo de diálogo dramático, entre o que destaca o Quem quaeritis? Da liturxia medieval de Pascua. O paso do drama litúrxico ao teatro relixioso desta época é unha evolución froito das necesidades e da adaptación de festas pagás, do medo da sociedade á fin do mundo ou da superstición a facer convivir o dogma da fe cristiá cos praceres da existencia e as prácticas artísticas populares. Deste xeito e nesta clave podemos ler a evolución do drama litúrxico en pequenas escenas dramáticas, que darán pé a profusas manifestacións escénicas patrimoniais que aínda hoxe conservamos coma o Misterio de Elxe ou na Paixón de Cristo de Oberammergau en Alemaña, que se representa ininterrompidamente dende 1634. Vexamos un fragmento deses primeiros tropos:

 

Pregunta: A quen buscades no sepulcro, oh cristiáns?
Respuesta: A Xesús Nazareno crucificado, oh celícolas.
Anxos: Non está aquí; resucitou, como prediciu. Ide e anunciade que se levantou do sepulcro.

 

A evolución do teatro relixioso tamén é física, no seu paso da representación no interior das igrexas, coa iconografía e a sonoridade das mesmas ao exterior, primeiro no adro e co fondo do pórtico e logo nas propias prazas, con elementos escenográficos móbiles e efémeros, como eran as mansións medievais.

Unha das autoras máis singulares deste período é a abadesa alemá Rosvita de Gandersheim, a primeira muller escritora alemá e tamén de expresión en lingua latina, que se inspirou grazas á súa vasta cultura, en martirios e vidas de santos para a súa obra. Na obra dramática desta autora, podemos falar de dous motivos principais: a tentación da carne e a a crueldade violenta dos homes contra as mulleres. Na tradición castelá, os autos de Gómez Manrique no século XV ou de Juan del Encina, autor de églogas pastorís, tanto profanas coma relixiosas de Nadal, Paixón e Resurrección. Varias das súas pezas eran representadas en ambiente cortesán con loanzas aos seus anfitrións.

Relacionado con