Profano, Teatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Profano, Teatro

Categoría:

Co termo “teatro profano”, referímonos a aquel corpus teatral da época medieval que non ten contido relixioso (ou máis ben non está ao servizo da alfabetización relixiosa), que se realiza principalmente en prazas do exterior das cidades, e que ten como finalidade entreter, criticar ou moralizar ao pobo. Entre os xéneros máis destacados deste conxunto, estaría a farsa, a égloga, a sotie francesa, a danza macabra, etc.

A convivencia de cantores ambulantes, mimos, ilusionistas, acróbatas, comediantes da legua e outras representacións populares de estudantes que satirizaban o diálogo escolástico, parodiándoo e introducindo elementos profanos nos seus xogos e cancións, amosan a viveza das artes da representación na rúa e o gusto, tamén da burguesía nacente, polas festas e as mascaradas carnavalescas que se afastaban da austeridade do tempo. Con todo, como a Igrexa e a cristianización quixo botar man de instrumentos populares e da saída ao exterior para divulgar os seus dogmas e sagradas escrituras, fixo que en ocasións o profano e o sagrado no teatro medieval convivisen nun mesmo autor, de haxiografías (relato e exaltación de vidas e obras de santos) e farsas. Pequenos grupos de comediantes con carrozas e gremios que organizaban mansións (espazos de representación con efectos e dispostos para a itinerancia do público, con profusión da tramoia) acollían tanto a representación do nacemento de Cristo, a  adoración dos Reis Magos, como a traxedia do Calvario ou a representación de moralidades, dependendo de quen pagase.

Dependendo do contexto, Francia, Italia, Inglaterra ou España, o teatro tiña as súas notas particulares, pero existiu un continuum que dificulta illar nalgúns casos o teatro profano do relixioso no medievo, malia seren comunmente considerados os dous grandes bloques da actividade teratral desta época. Por exemplo, podemos considerar que o sermón é un subxénero profano porque parodia os sermóns da igrexa e da lingua sagrada empregada. O monólogo deriva da arte xograresca e é o subxénero profano máis libre xunto coa farsa (de influencia cómica latina), a sotie ou sotía é unha parada satírica de asunto político e a moralidade unha alegoría con personificacións e atributos morais, ademais de contextos de tradición cristiá como o inferno (que escenograficamente era unha das mansións máis espectaculares, con grandes bocas ornamentadas, lume, efectos sonoros,etc.). A farsa, da que conservamos notables exemplos coma a anónima francesa Farsa de Maese Pathelin, de mediados do século XV, podía introducirse entre as partes do misterio (xénero relixioso) e servir de contrapunto polo seu carácter realista, burlesco, cómico e de recreación de tópicos.

A Igrexa tamén fixo certas concesións a representacións macabras para manter a orde social antes o auxe de pestes e mortandades, o que explica a mestura de aspectos ou personaxes relixiosos con asuntos profanos coma a sexualidade, o suicidio ou a representación visceral e macabra da morte como poderosa, xusticeira e igualadora para toda a humanidade, independentemente da súa condición social.

Relacionado con