Rito – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Rito

Categoría:

Celebración ou acto cerimonial que celebra unha comunidade cultural de xeito repetido ou estacional, para conseguir determinados beneficios ou purificar, iniciar, consagrar, de carácter funerario ou conmemorativo, de paso ou de acción de grazas. É posíbel que do rito nacese o teatro nas comunidades agrícolas, pois en moitos casos a representación dos fenómenos ou das actividades da natureza eran un primeiro paso para dominar todas as situacións e garantir o sustento e benestar da comunidade.

Oehrlein define rito como “os procesos de actuación socialmente regrados e colectivos que non conducen á obxectualización en produtos ou a unha modificación da situación, senón que traballan simbolicamente a situación”. Nel participa toda a comuniodade e a diferenza do teatro, o rito debe garantir a presenza de todos os individuos, pois saír sería condenalos ao ostracismo ou á excomuñón.

Antonio Ariño estabelece seis características do rito que nos fan ver con máis claridade as diferenzas co teatro, pero tamén como moitas formas teatrais e parateatrais influíron no estilo de directores de escena coma Grotowski ou Artaud:

  1. O rito é unha categoría de acción social que comporta repetición, formalismo, convencionalidade, estereotipia, redundancia e final prescrito.
  2. É comunicación. Consiste en formas fixas de comunicación que adquiren unha eficacia máxica. Comporta unha dimensión simbólica. É unha linguaxe ou un modo de dicir as cousas. É mediador entre o suxeito celebrante e a trascendencia imaxinada, entre o suxeito celebrante e a súa referencia celebrada.
  3. En tanto que linguaxe, implica un sistema codificado. Toda participación nunha acción simbólica supón unha herdanza cultural ou unha aprendizaxe. Fai falta un código, unha cifra, para dotar de sentido a un signo.
  4. En tanto que acción comunicativa adopta a estrutura dun programa con secuencias.
  5. Pero é tamén celebración e non meramente un acto de comunicación. É unha linguaxe operante e performativa. A linguaxe performativa ten a facultade de facer ao mesmo tempo que di. Por iso, en torno á execución ritual é necesario concitar sempre un dobre consenso: lingüístico acerca da validez das palabras; e social acerca das condicións da validez da execución.
  6. É sagrado, como xa se apuntou antes. Fai referencia a ideais e valores aos que se imputa trascendencia e ultimidade. Pertence ao campo de significación da trascencendia e o carisma.

 

Relacionado con