Aparte – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Aparte

Categoría:

É unha convención dramática, pola cal un personaxe fala ao público ou a outro personaxe sen que un ou varios personaxes patentes na escena o escoiten e polo tanto reaccionen a esa información ou confesión, que normalmente revela os obxectivos, confidencias íntimas ou burlas sobre os que non escoitan.

Pódese considerar o aparte unha especie de breve soliloquio ou monólogo interior con efectos cómicos, que en xéneros coma a Commedia dell’arte caracterizan os personaxes zanni con determinados trazos arquetípicos: fachendoso, rateiro, ladrón, corrupto, etc. Este tipo de intervención dos personaxes maiormente cómicos, tamén a podemos atopar con frecuencia nas comedias españolas de capa e espada, na comedia francesa, na comedia isabelina ou mesmo na comedia actual que bebe da sitcom ou comedia de situación televisiva.

Normalmente, os apartes preparan o terreo de enganos, enredos e equivocacións que son a base da torpeza, inconsciencia ou obstinación destes personaxes máis ou menos cándidos, máis ou menos malévolos, mais cuxos actos e dobres caras amosadas por un lado polo que fan e polo outro polo que manifestan verbalmente nos apartes, provocan comicidade ou mesmo hilaridade.

 

Relacionado con