Antagonista – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Antagonista

Categoría:

Personaxe que se enfronta e que impide ou dificulta a outro personaxe protagonista dunha peza teatral manter o seu estatus social ou intelectual nun determinado contexto espacial e temporal.

Esta categoría de personaxe é unha das construcións esenciais do drama, pois o desexo de restitución ou enfrontamento dun personaxe protagonista a toda a serie de circunstancias que provoca a intervención dun antagonista, favorecerá na creación dramatúrxica toda unha serie de accións que interrompen, adiantan, aceleran ou retrasan os obxectivos dun personaxe e que, no decorrer das súas accións nos poderá amosar os modos, condutas, dúbidas e complexidades da súa constitución, o que sen dúbida farán do mesmo un personaxe máis redondo, complexo e rico.

Ademais do personaxe patente, tamén podemos considerar as forzas antagonistas ou os personaxes antagonistas latentes e ausentes, que imprimen na trama todos os seus condicionamentos a modo de alerta, precaución, vinganza, superación, etc. As forzas antagonistas serven como motor das diversas accións que na trama se van presentando, urdidas polo conxunto de axudantes e opositores que poden aparecer adscritos a cada un deses bandos protagonistas ou antagonistas e que en diversos graos, establecen as liñas de forza e os motivos ou temas fundamentais dunha peza dramática.

Independentemente do subxénero escénico, poderemos considerar a presenza de antagonistas tanto na farsa coma no drama realista, cumprindo as funcións descritas de oposición e desestabilización do estatus do/a protagonista, se ben as función son distintas e de diversa profundidade, dende o efecto cómico ou paródico até o profunda introspección en personaxes realistas que ante a presenza do antagonista de producir unha refracción, un efecto sorpresa ou unha reafirmación dos caracteres dos protagonistas.

Relacionado con