Encyclopedia – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Anagnórise

Recoñecemento por parte do personaxe dunha obra dramática, normalmente dunha traxedia grega clásica, aínda que tamén se pode atopar nas comedias, de datos fundamentais sobre a súa identidade ou a dos seus acompañantes, do erro ou das consecuencias fatais do seu destino.

Analepse

Recurso para a manipulación do discurso tempora a través do cal se remite a un episodio anterior aos feitos amosados ou relatados.

Análise activa

No Método de Konstantin Stanislavski, técnica de ensaio baseada na aplicación á análise textual do drama dos principios teórico-literarios do formalismo ruso.

Análise cognitiva

Vid. Coñecemento afectivo

Análise de espectáculos

Disciplina que, a través dunha metodoloxía organizada de comentario, persegue o afondamento hermenéutico nos espectáculos escénicos a través do estudo das fórmulas de significación da obra e mais dos recursos estéticos empregados.