Recurso para a manipulación do discurso tempora a través do cal se remite a un episodio anterior aos feitos amosados ou relatados.
Estudada, xunto con outros recursos de organización do discurso narrativo por Gérard Genette nos anos setenta, a analepse supón a ruptura da orde cronolóxica da historia (anacronía) para amosar acontecementos anteriores a un punto de referencia identificábel co presente da acción ou co seu inicio. Segundo a amplitude que abarca en relación coa historia contada, a analepse pode ser externa (o lapso temporal contado non afecta á acción principal, por ser anterior a ela), interna (o lapso temporal figura nos límites da acción contada, mais é anterior ao tempo de referencia) ou mixta (parte dun momento anterior á acción principal pero intérnase na mesma). Atendendo á relación estrutural que manteñen coa acción principal, poden ser analepses homodiexéticas (vencelladas con ela, como remisión ou como evocación) ou heterodiexéticas (alleas á mesma).
No teatro galego, atopamos analepses como recurso habitual en textos de carácter histórico e evocativo. Podemos destacar a obra de Otero Pedrayo Rosalía (1959), por exemplo, que constrúe a biografía da poeta a través da escolla analéptica de distintos momentos da súa vida, opción que resultou ben produtiva na posta en escena dirixida por Roberto Vidal Bolaño para o Centro Dramático Galego en 2001.
Rosalía
Foto: Arquivo Centro Dramático Galego
A analepse tamén é un recurso habitual na obra de autores contemporáneos con tendencia ás estruturas dramatúrxicas complexas coma Manuel Guede Oliva, cuxas pezas Ocaso Otero (2006) e A función do tequila (2011) se constrúen a través de analepses amosadas mediante o recurso da metateatralidade.
A analepse tamén se denomina co termo inglés, moi habitual na análise cinematográfica, flash back.