Unidade de creación e produción teatral de carácter público ou semipúblico. En España e Galicia é sinónimo de compañía pública, institucional ou mesmo de teatro nacional.
O concepto de “centro dramático” nace en Francia despois da Ocupación como proxecto de Jeanne Laurent, Subdirectora de Espectáculos e Música do goberno francés, que crea entre 1946 e 1952 os cinco primeiros centros dramáticos como fórmula que materializa a descentralización teatral. Actualmente, Francia conta con corenta unidades espalladas por toda Francia.
Tralo franquismo, España adapta a través da súa Constitución o modelo descentralizador cultural francés á conceptualización política das Autonomías, de xeito que tamén se promoveu a creación de centros dramáticos como institucións teatrais que canalizasen os novos procesos de reestruturación teatral e de reconceptualización do canon. A diferenza do modelo francés, no que cada centro dramático nacional funciona a través dunha concesión por concurso a unha compañía teatral ou artista específico que o xestiona grazas a unha forte subvención, en España os centros dramáticos son unidades de produción integramente públicas. Cada centro dramático en España (seis en total) depende da correspondente consellería de cultura da súa autonomía, sexa directamente ou a través de organizacións institucionais para a xestión das artes escénicas. Porén, o Centro Dramático Nacional, creado en 1978, depende do Ministerio de Cultura como organismo autónomo desde 2011 (anteriormente afiliábase ao Instituto Nacional de Artes Escénicas y de la Música), e ten dúas sedes, o Teatro María Guerrero e o Teatro Valle Inclán. O Centro Dramático Galego creouse en 1984, depende da Axencia Galega das Industrias Culturais e ten a súa sede no compostelán Salón Teatro.