Unidade mínima de significado na posta en escena caracterizada pola súa natureza icónica, múltiple e simultánea.
En virtude da súa iconicidade, o procedemento polo que o signo escénico produce significados é o estabelecemento dunha relación de semellanza co seu referente, xerando a ilusión ou efecto de realidade propio da mímese como procedemento construtivo da posta en escena. En virtude da súa multiplicidade e da súa simultaneidade, o signo escénico amósase a través de variados significantes de natureza heteroxénea que xeran o proceso de semiose a través da súa intercomplementación ao amosárense todos a un tempo, no hic et nunc da posta en escena, como recolle Tadeusz Kowzan na súa célebre clasificación dos signos teatrais que se resume no seguinte cadro:
1 Palabra |
Texto oral |
Actor |
Signos auditivos |
Tempo |
Signos auditivos (actor) |
2 Ton | |||||
3 Mímica |
Expresión corporal |
Signos visuais |
Espazo e tempo |
Signos visuais (actor) |
|
4 Xesto | |||||
5 Movemento | |||||
6 Maquillaxe |
Aparencia externa do actor |
Espazo |
|||
7 Peiteado | |||||
8 Vestiario | |||||
9 Accesorios |
Características do espazo escénico |
Externos ao actor |
Espazo e tempo |
Signos visuais (externos ao actor) | |
10 Decorado | |||||
11 Iluminación | |||||
12 Música |
Efectos sonoros non articulados |
Signos auditivos |
Tempo |
Signos auditivos (externos ao actor) | |
13 Efectos sonoros |
Jiri Veltruski nunha obra de 1942 titulada A literatura como drama, sinalou como característica do signo teatral ou escénico o feito de se amosar sempre coma “signo de signo”, nunha espiral referencial que remite a outro signo. Isto é o que permite ao signo escénico pór en marcha outros procedementos semióticos que o caracterizan e que foron definidos polo Círculo de Praga: o principio de artificialización, o principio de funcionamento connotativo e o principio de mobilidade.
Segundo o principio de artificialización, todo o signo escénico se produce grazas a un proceso de semiotización dun signo real que, ao ser exhibido en escena, se converte en signo e pasa a ter un significado artístico ao servizo da mímese ou ficción; é por isto polo que, para Veltrusky, todo o que está en escena é signo e non hai nada que poida ser interpretado como realidade, base do pacto de comunicación escénica.
O principio de funcionamento connotativo implica que o signo escénico, ao non ser signo de obxecto senón signo de signo de obxecto, xera o seu significado a través dunha espiral metafórica na que se dota dunha serie de significados adxuntos que lle permiten facer un uso produtivo da connotación xerada grazas á propia situación comunicativa da posta en escena.
Por último, grazas ao principio de mobilidade, o signo escénico é sempre funcionalmente intercambiábel e polivalente, isto é, un só elemento expresivo pode variar o seu significado en virtude do uso escénico que se lle dá.
Para saber máis: Fischer-Lichte, Erika (1999) “Teatro como sistema semiótico”, en Semiótica del teatro, Madrid, Arco Libros, páxs. 255-277; Kowzan, Tadeusz (1992) Literatura y espectáculo, Madrid, Taurus; Veltrusky, Jirí (1990) El drama como literatura, Buenos Aires, Galerna.