Escrita escénica – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Escrita escénica

Categoría:

Tarefa destinada a encarnar e facer visíbeis e ostensíbeis os personaxes, os contextos e/ou as accións que transcorren enriba dun escenario. Para Patrice Pavis existe unha clara diferenza entre escritura dramática e escritura escénica, pois a segunda refírese ao proceso da posta en escena e “designa por metáfora a práctica da escenificación, a cal dispón de instrumentos, materiais e técnicas específicos para transmitir un sentido ao espectador.”

A escrita escénica pode partir dun texto dramático previo ou pode ser consecuencia dun proceso de fixación de códigos (lumínicos, sonoros, orais, escenográficos, etc.) e de sistemas que se entrelazan sobre o escenario para producir un determinado efecto diexético. Tamén pode ser unha mestura de ambas, como se pode ver nos espectáculos que empregan a técnica do collage textual, do xogo intertextual, os textos hiper ou transmediados ou a hibridación de xéneros e disciplinas artísticas.

Relacionado con