Espazo baleiro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Espazo baleiro

Categoría:

Espazo escénico que practicamente non contén escenografía e que logra xerar a ficción espacial a través de moi poucos elementos ou exclusivamente a través da presenza visíbel das figuras.


Foto: XXXX / A Panadaría
No seu libro de 1968 O espazo baleiro, Peter Brook converteu este concepto no cerne da súa proposta teórica e práctica ao partir dunha definición do teatro na que o espazo é entendido, simplemente, coma o lugar onde se sitúa a copresenza entre figuras en escena e público. O modo de emprego do espazo escénico por parte desas figuras, a través da habelencia na dirección e con axuda da iluminación, serán suficientes para dar conta dos distintos espazos diexéticos dunha obra. O seu espectáculo de 2001 Hamlet, a partir do texto de Shakespeare, amosa claramente esa proposta espacial, pois o espazo múltiple que desenvolve o argumento, só se alude a través de pautas moi concretas na fisicidade de actores e actrices e mais no emprego duns poucos elementos escenográficos como a luz distribuíndo áreas no espazo escénico e obxectos coma alfombras, cortinas e candelabros.

No teatro galego, o recurso ao espazo baleiro é habitual, feito que a crítica a miúdo vencella ás súas condicións precariedade, especialmente desde a crise de 2008. Baseábase nesta opción escénica, por exemplo, o espectáculo Pan, pan, pan, de A Panadaría Teatro (2015).

 

Relacionado con