Estilo da arte escénica e da literatura dramática que rompe coa tradición do drama realista e presenta primordialmente situacións de personaxes en contextos de illamento, reflexión existencial ou (pos)liminal, con tendencia cara ao disparatado e o humor que poden ter as intervencións ou os diálogos aparentemente inconexos desta nova ficción afastada das lóxicas da realidade ou da congruencia entre a acción e o pensamento expresado.
O termo é da autoría do crítico Martin Esslin, que o empregou nun ensaio do ano 1961 para se referir a obras estreadas arredor do ano 1950, principalmente en Francia. Así, destacan pezas de dramatugos coma Samuel Beckett, Eugène Ionesco, Jean Genet, Athur Adamov ou Harold Pinter coma Esperando a Godot (1952), A cantante calva (1950), As criadas (1947), etc. Nelas podemos apreciar o paradoxo da existencia humana a través do uso de temas que están moi relacionados co contexto bélico que a estes autores lles tocou vivir. En espazos desolados, incómodos, asfixiantes, os personaxes cuestionan, ansían e lembran situacións que contrastan frecuentemente coa súa expresión facial e co ambiente no cal habitan. O abundante uso de repeticións, metáforas e outras figuras retóricas, concédelle unha artificiosidade ao discurso dos personaxes que nos leva a territorios próximos ao soño, á morte, ao sufrimento, á enfermidade ou á loucura.
Adoita sinalarse como un dos antecedentes do chamado teatro do absurdo a obra e a polémica estrea da obra Ubu Roi, de Alfred Jarry, con escenificación de Lugné-Poe en París no ano 1896, polo carácter grotesco dos personaxes e as súas hiperbólicas accións. Tamén algúns dramas simbolistas ou as obras simbolistas de Jean-Paul Sartre e as teorías do teatro da crueldade formuladas por Antonin Artaud e encamiñadas a buscar un impacto no espectador a partir de situacións non agardadas e impactantes.
Algúns críticos e investigadores teatrais atopan dificultades nesta etiqueta e no corpus histórico proposto por Esslin, por considerar que pode colidir coas reflexións filosóficas do existencialismo de Jean-Paul Sartre, entre outras cuestións. Así, hai quen propón diferentes denominacións para se referir a estas obras que subverten as convencións dramáticas e a linguaxe e que tratan dende un punto de vista inconformista os asuntos anteriormente referidos. Así, atoparemos novos termos coma “Antiteatro”, “Dramaturxias da desolación e do paradoxo”, etc.