Mercado – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Mercado

Categoría:

Na Teoría de Polisistemas, de Itamar Even-Zohar, é o factor que representa a canle na que produtores e consumidores intercambian os produtos teatrais. No sistema teatral, o mercado é un conxunto de actividades vencelladas coa adquisición do capital simbólico e social do teatro a través do investimento de capital económico.

Para Itamar Even-Zohar, dado que as relacións que rexen o sistema son de carácter comunicativo, o mercado cumpre a función de canle ou contacto que posibilita o inicio da comunicación xerando así as actividades de encontro cultural propiamente ditas. No mercado, segundo el, teñen lugar os procesos de promoción e compravenda dos produtos, e é un factor fundamental para o desenvolvemento do sistema pois, sen el, anularíase unha parte esencial do seu dinamismo; por isto Even-Zohar estabelece tamén a necesidade de que exista unha planificación cultural que logre identificar as normas de funcionamento do sistema cos valores do mercado.

No sistema teatral o mercado virá determinado polas relacións económicas e simbólicas que posibilitan a actividade escénica propiamente dita, poñendo en contacto os produtores escénicos cos consumidores dispostos a investir o seu capital co fin de obteren os rendementos que o teatro pode proporcionarlles en forma de capital simbólico e económico. É así como os tres tipos de capital descritos por Pierre Bourdieu flúen no sistema teatral xerando tecido e permitindo a continuidade das distintas actividades.

Unha das particularidades de calquera mercado teatral dado vén determinada polas condicións que impón a especificidade económica das artes escénicas, descrita por William J. Baumol e William G. Bowen a través do chamado “Efecto Baumol” ou lei de fatalidade de custos. Esta lei describe a tendencia ao déficit característica das artes vivas debida á lagoa de produtividade xerada pola constancia do gasto e a diminución dos ingresos no tempo.

Nun sistema teatral dado, son actividades mercantís todas aquelas vinculadas coa difusión e a promoción do teatro, as súas diversas modalidades de distribución e compra e venda, así coma a organización de ámbitos e espazos a través dos que se canaliza a exhibición e distribución. Así, considéranse axentes do mercado teatral redes de distribución como é, no sistema teatral galego, a Rede Galega de Teatros e Auditorios e os seus espazos; as feiras e festivais de artes escénicas coma o Festival Galicia Escena Pro ou a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia; as distintas accións de difusión e animación teatral vencellábeis a teatros e outras institucións; así coma proxectos específicos para a optimización da difusión escénica como por exemplo o modelo da compañía residente. No caso galego, ademais, as dinámicas mercantís están fortemente determinadas pola súa condición emerxente e pola súa forte dependencia institucional-pública.

 

Relacionado con