Animación teatral – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Animación teatral

Categoría:

Fórmula de animación sociocultural especificamente orientada á difusión do teatro e ao emprego do mesmo como ferramenta socioeducativa. Trátase, por tanto, dunha disciplina teórico-práctica vencellada coa pedagoxía teatral e social e coa socioloxía do teatro.

Todos os procesos de animación pertencen ao eido da educación non formal e, neste sentido, teñen sido opcións idóneas tanto nos procesos de democracia cultural coma nos programas de difusión teatral de xeito que os públicos poidan ser concibidos como parte activa do feito teatral nun concepto de cultura participativa que procura entendelos como axentes máis ca como simples consumidoras e consumidores.

Para Manuel F. Vieites, é esencial que “o teatro se converta nun feito central da vida comunitaria, sexa como un instrumento de promoción das capacidades creativas e comunicativas dos seus integrantes, sexa en procesos de formación, difusión, recepción ou formación para a recepción; mais sempre ofrecendo á cidadanía novas formas de gozar do seu tempo libre.” Ese vínculo entre formación e recepción é o cerne da animación teatral, que, como sinala Anne Marie Gourdon, perde o adxectivo “socio-“ para ampliar os seus cometidos e permitir a idea presente na etimoloxía da “animación”: “dar vida”, a través do teatro ou para o teatro, abarcando procesos de creación teatral de base, dinamización das artes escénicas e difusión do teatro como actividade de tempo libre e como experiencia estética.

Paloma López de Ceballos distingue entre tipos de “acción” como obxecto principal do quefacer dos animadores. Así, haberá animadores orientados á acción cultural e animadores que se dedican á acción sociocultural: na primeira, o obxectivo básico sería a creación e a difusión, mentres que, na segunda, terá que ver coa expresión e o encontro dos cidadáns. A acción cultural, así, estabelece comunicación, desde un viveiro artístico, entre expertos e públicos, mentres que a acción sociocultural faino, no marco de asociacións e redes de relacións, entre individuos e grupos. A capacidade mediadora de ambos tipos de animadora ou animador é evidente, pero só a persoa vinculada a actividades de acción social (animación cultural pura, ou, no noso caso, teatral) vinculará a súa actividade a procesos de difusión cultural e mesmo normalización que ceden o seu posto á procesos de integración e vertebración social no caso da acción sociocultural.

Malia que a teorización sobre a animación teatral, por regra xeral, insistiu preferentemente na primeira vertente, o certo é que, en Galicia, foi a segunda opción a que se veu poñendo en marcha de xeito máis xeral, ata o extremo en que os labores (en sentido moi amplo) dun animador teatral son postos en marcha, en realidade, polos programadores.

Relacionado con