Pedagoxía – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Acción cultural

Vid. Animación teatral

Acción física

No Método de Konstantin Stanislavski, é a unidade básica dunha técnica de ensaios baseada na representación estimulada a través da imaxinación da actividade física do personaxe.

Afeccionado, Teatro

Vid. Amador, Teatro

Amador, Teatro

Tamén chamado teatro afeccionado ou, co termo francés amateur, é o teatro realizado de xeito non profesional por persoas que non perseguen con esta actividade un interese económico, senón beneficios diversos vinculados co lecer, a socialización, a participación cultural, o desenvolvemento artístico ou a saúde.

Análise cognitiva

Vid. Coñecemento afectivo

Animación sociocultural

Vid. Animación teatral  

Animación teatral

Fórmula de animación sociocultural especificamente orientada á difusión do teatro e ao emprego do mesmo como ferramenta socioeducativa.

Círculo de atención

Vid. Método  

Circunstancias dadas

Vid. Método  

Coñecemento afectivo

Tamén chamado “análise cognitiva”, é unha técnica de análise textual propia do Método de Konstantin Stanislavski.

Escolar, teatro

Modalidade do teatro amador ou afeccionado realizado por rapaces e rapazas nos seus centros de ensino. Por extensión, ás veces denomínase así ao teatro non profesional feito por nenos e nenas fóra da escola.

Máxico coma se

Vid. Método  

Memoria afectiva

Vid. Memoria emocional  

Memoria emocional

No sistema de interpretación elaborado por Konstantin Stanislavski, é un dos mecanismos fundamentais no exercicio da interpretación, baseado na reprodución das emocións xurdidas en vivencias anteriores da persoa que actúa a través das cales constrúe o carácter do personaxe.

Método

1. Conxunto de exercicios, adestramentos e reflexións teóricas que permiten a aprendizaxe dun modelo teórico-práctico de interpretación e construción do personaxe.
2. Sistema de interpretación descrito por Konstantin Stanislavski.
3. Sistema de interpretación que, a partir das ideas de Stanislavski, se desenvolve nos Estados Unidos durante a segunda metade do século XX.

Partitura de acción

No Método de Konstantin Stanislavski, enténdese que as accións de todas as escenas constitúen a historia a través da súa organización a través dun esquema artellado ao modo das partituras musicais.

Pedagoxía teatral

Disciplina que se ocupa dos procesos de ensino e aprendizaxe e da animación teatral en ámbitos regrados e non regrados.

Pedagóxico, Teatro

Todo tipo de práctica escénica cuxo obxectivo fundamental é transmitir unha serie de coñecementos, competencias e habilidades a partir dunha experiencia artística escénica.

Presentación muda

No Método de Konstantin Stanislavski, improvisación na que as actrices ou actores representan un segmento da obra en total silencio

Psicodrama

Metodoloxía psicolóxica ou da psicoterapia que ten como obxectivo o diagnóstico e tratatemento clínico empregando o xogo dramático para tentar superar conflitos patolóxicos ou traumas e bloqueos persoais.

Raio de enerxía

Vid. Método    

Sistema Stanislavski

Vid. Método  

Subtexto

No Método de Konstantin Stanislavski, subtexto é todo aquilo que non está explicitamente escrito no texto dramático pero que serve para definir o personaxe e interpretalo na posta en escena.

Superobxectivo

Meta final do personaxe, resultante da suma de todos os obxectivos que guían as súas accións na partitura total da obra

Teatroloxía

Marco disciplinar amplo e heteroxéneo que alberga as diferentes disciplinas de coñecemento arredor das artes escénicas nas dimensións teórica, tecnolóxica, metodolóxica e práctica, así coma as disciplinas artístico-escénicas propiamente ditas.

Teoría das artes escénicas

Vid. Teoría teatral

Teoría teatral

Disciplina de coñecemento que estuda a teatralidade en todas as súas manifestacións, propoñendo métodos e conceptos para a súa definición, análise, explicación, descrición, interpretación e crítica.