Pedagóxico, Teatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Pedagóxico, Teatro

Categoría:

Denominamos “Teatro Pedagóxico” a todo tipo de práctica escénica cuxo obxectivo fundamental é transmitir unha serie de coñecementos, competencias e habilidades a partir dunha experiencia artística escénica.

Institucións educativas tan relevantes da historia de España como as Misións Pedagóxicas da Segunda República, contaron co teatro como ferramenta para combater o analfabetismo e promover a través do entretemento a exposición de valores, ideiais e condutas progresistas. O seu teatro era itinerante e ese teatro popular dirixido por Alejandro Casona e cun repertorio adaptado por el mesmo a partir do teatro áureo ou de romances populares, era interpretado por mozas e mozos universitarios, a maioría procedentes da Institución Libre de Ensinanza.

Noutros momentos da historia do teatro, tamén se lle concedeu este utilitarismo pedagóxico, normalmente para transmitir pasaxes bíblicas (caso do teatro relixioso na Idade Media), moralexas ou habilidades en procesos de aprendizaxe de linguas en época máis contemporánea e con metodoloxías de modernas correntes pedagóxicas coma a que expón no seu manual Rosalía Fernández Rial. Xa dicía Horacio no século I a. C. e cuxos preceptos continuaron durante o Renacemento e o Barroco, que a arte serve tanto para ensinar e deleitar, “docere et delectare”. Nalgúns casos, con máis tutela e control, corrixir dende o lúdico.

Finalmente, o Teatro do Oprimido ou Pedagoxía do Oprimido, desenvolvida polo brasileiro Augusto Boal a partir dos principios pedagóxicos de Paulo Freire, pretende que o teatro sexa a ferramenta que transforma á sociedade e que lle permita descubrir a través da experiencia teatral conxunta os roles das persoas oprimidas e opresoras, para propor novos camiños da sociedade a través do coñecemento.

 

Relacionado con