Pedagoxía teatral – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Pedagoxía teatral

Categoría:

Disciplina que se ocupa dos procesos de ensino e aprendizaxe e da animación teatral en ámbitos regrados e non regrados.

Un dos máis destacados especialistas neste eido é o profesor e investigador Manuel F. Vieites, quen aclara que “o sintagma pedagoxía teatral pode facer referencia, polo menos, a tres ámbitos relacionados, pero diferentes. En primeiro lugar temos unha disciplina na que o substantivo sinala un corpus teórico e conceptual, e o adxectivo sinala un conxunto de metodoloxías propias e un campo de prácticas educativas que aquel corpus orienta e sustenta; en segundo lugar, cabería falar dunha área de coñecemento na que poderiamos situar varias disciplinas que conforman a ensinanza teatral, e ás que a pedagoxía teatral, en tanto coñecemento especializado dese ámbito de educación, ofrecería o seu potencial explicativo; finalmente, poderíase considerar unha especialidadede estudos orientada á formación de educadores teatrais que desenvolverían o seu exercicio docente en determinados niveis educativos pero tamén noutros ámbitos educativos menos regulados e formalizados, como na denominada animación teatral.” (Vieites, 2013: 495).

A pedagoxía teatral como disciplina científica, polo tanto, pode desenvolver e sistematizar programas de educación teatral destinados a contextos sociais específicos como escolas municipais de teatro, obradoiros infantís, expresión dramática na ensinanza obrigatoria, etc., así como plans de actuación relacionados co desenvolvemento comunitario, a animación, a terapia ou a atención a necesidades educativas especiais a partir de ferramentas dramáticas.

Como explica o propio Manuel F. Vieites, a pedagoxía teatral en tanto que disciplina da área pedagóxica, supón a adquisición de habilidades e competencias no ámbito da formación pedagóxica, á marxe dos contidos creativos da cultura á que pertence, pois a habilitación profesional debe ter presente que un profesional do teatro non ten por que ser necesariamente un profesional comptente da educación teatral. Neste senso, o especialista aspira a que esta recente disciplina no noso ámbito, desenvolva nun futuro próximo diversas liñas de actuación como:

-Determinar como, por que e en que educa o teatro.

-Sinalar os métodos, técnicas e recursos específicos e diferenciais da educación teatral.

-Sistematizar formal e non formal das prácticas educativas e de animación.

-Desenvolver dende  a vía histórica, empírica e analítico-teórica a disciplina.

-Implantar a educación teatral nos distintos niveis e etapas educativas e establecer con precisión as materias procedentes.

-Construír liñas de investigación en torno a todos os ámbitos temáticos considerados anteriormente.

Na actualidade, a Pedagoxía teatral é unha materia de formación básica do curriculum académico dos estudos superiores de Arte Dramática no estado español, segundo establece o Real Decreto 630/2010, polo que se regulan os contidos básicos destas ensinanzas.

Relacionado con