Amador, Teatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Amador, Teatro

Categoría:

Tamén chamado teatro afeccionado ou, co termo francés amateur, é o teatro realizado de xeito non profesional por persoas que non perseguen con esta actividade un interese económico, senón beneficios diversos vinculados co lecer, a socialización, a participación cultural, o desenvolvemento artístico ou a saúde.


Farsa paulina, Grupo Teatral da Asociación de Amas de Casa de Moaña (2016)
Foto: Arquivo G.T. Asociación de Amas de Casa de Moaña

O teatro amador é considerado unha actividade de educación non formal, vinculada á animación cultural e ao desenvolvemento de competencias e destrezas de carácter sociocultural,  así coma ao fomento durante calquera etapa da vida do gusto polo teatro e outras formas artísticas. A única diferenza entre o teatro amador e o teatro profesional é que, no primeiro, a actividade non constitúe o modus vivendi de ningún dos seus artífices, de xeito que o obxectivo co que estes se achegan ao teatro non é económico. É por isto polo que, desde un punto de vista sistémico, o teatro amador debe ser considerado unha fórmula de consumo teatral e non unha forma de produción vinculada ao mercado e os seus circuítos comerciais. Como tal, o teatro amador posúe os seus propios circuítos de distribución, habitualmente en forma de festivais e redes de relación entre compañías amadoras.

O teatro escolar é unha forma específica de teatro amador.

En Galicia existe unha Federación Galega de Teatro Afeccionado (fegatea) que, nacida no ano 2000, agrupa actualmente medio cento de grupos de natureza diversa. Está asociada á Plataforma Transfronteiriza do Teatro Amador (platta) que trata de fomentar o desenvolvemento do teatro transrexional entre Galicia e o norte de Portugal. A fegatea organiza o Festival Agustín Magán de Teatro Afeccionado e mais o Premio Fegatea á Animación Teatral.

Relacionado con