Crueldade, Teatro da – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Crueldade, Teatro da

Categoría:

O Teatro da Crueldade é un termo acuñado polo autor, director e actor Antonin Artaud en 1938 no seu libro fundamental O teatro e o seu dobre. O concepto busca a expresión dunha nova forma de teatralidade que foxe do mimetismo absoluto e do psicoloxismo propios do drama naturalista, na procura dunha esencia primixenia das artes escénicas que Artaud atopa no carácter icónico do signo teatral e na irrepetibilidade do momento escénico.

Formado como actor no método da improvisación de Charles Dullin no Théâtre de l’Atelier, Antonin Artaud (1896-1948), estivo vencellado desde moi novo ao círculo surrealista de André Breton e foi un coñecido actor no cinema francés dos anos vinte e trinta, mais destaca tamén por unha constante reflexión teórica ao longo de toda a súa vida arredor da esencia do teatro (teatralidade) que, desde a comparación do teatro coa peste, o leva a fundar o Teatro da Crueldade e postular os seus fundamentos teóricos no seu libro de 1938 Le théâtre et son double (O teatro e o seu dobre), onde recolle escritos elaborados durante os anos anteriores. O Teatro da Crueldade é o produto da reflexión sobrevida tralo fracaso do seu primeiro proxecto escénico, o Théâtre Alfred Jarry, que fundara en 1926 con Roger Vitrac e Robert Aron e co que chegou a realizar catro espectáculos.

A comparación do teatro coa peste é fundamental para comprender o sentido específico do concepto de “crueldade” en Artaud. Para el, o teatro non só é coma a peste porque sexa contaxioso, senón porque a súa presenza implica unha revelación e mais a liberación dun fondo de mal latente que todo ser posúe e onde radican todas as posibilidades perversas do espírito. A peste é o detonante dos conflitos, da forza, do instinto, da violencia e da liberdade. Isto, insiste Artaud, non é a peste nin o teatro, senón a vida mesma que se amosa a través desa crueldade en escena. O teatro, logo, terá que recuperar a súa violencia intrínseca e primixenia volvendo ás súas orixes, alí onde aínda non estaba sometido ás faixas da razón aristotélica, o psicoloxismo naturalista ou o mimetismo estrito. Deste xeito, a teatralidade xorde como opción para demostrar a condición metafísica da arte escénica expresada de maneira única a través da súa expresión formal. Deste xeito, o Teatro da Crueldade de Artaud amósase coma un proceso revelador e rebelde que, a través dos instintos efectivamente crueis ou violentos e o elemento salvaxe, vai santificar o actor e o propio teatro como momento sagrado e irrepetíbel no que se crea unha comuñón única co público. Con este concepto específico de teatralidade, Artaud realiza unha reflexión fundamental para a teoría teatral que se erixe coma unha das principais críticas do século XX ao modelo aristotélico, xa que implica a ruptura coa esencia argumental e, por tanto, causal e hermenéutica do drama postulada por Aristóteles. A de Artaud é unha reivindicación estritamente semiótica na que a iconicidade do signo escénico implica o propio concepto de teatralidade, así coma a capacidade do teatro para amosar a vida e, por tanto, para conducir á catarse a través do espazo máis emocional ca racional. É por iso polo que se teñen sinalado nesta teoría de Artaud reminiscencias da filosofía de Friedrich Nietzsche que poderían vencellarse co seu concepto de “vontade de poder” e coa danza coma arte capaz de expresar a lixeireza. Asemade, o filósofo da deconstrución Jacques Derrida interesouse polo Teatro da Crueldade de Antonin Artaud ao ver nel unha reflexión deconstrutivista avant la lettre do concepto tradicional e aristotélico de teatralidade.

O Teatro da Crueldade está na orixe da actividade teatral da compañía norteamericana Living Theatre fundada por Jullian Beck e Judith Malina, quen, entre os anos 1954 e 1970, recuperaron a través da práctica escénica o ideario do Artaud. Jerzy Grotowski, no libro de 1968 Cara a un teatro pobre, recupera e explica a Artaud e intégrao na súa visión da teatralidade. Asemade, está emparentada co Teatro da Crueldade a fuxida posdramática do argumento e da racionalidade hermenéutica, así coma a súa reivindicación da emoción como fórmula de recepción válida.

No teatro galego, é a compañía Matarile Teatro a que máis claramente recolle o concepto de Teatro da Crueldade a carón de todo o legado teórico de Antonin Artaud, chegando incluso a realizar un diálogo artístico con el e co seu concepto de crueldade no espectáculo de 2014 Teatro invisible.

 

Relacionado con