Metateatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Metateatro

Categoría:

Forma de metaficción especificamente teatral na que o propio teatro forma parte da construción do mundo posíbel dramático xerando unha estrutura complexa na que o teatro contén o propio teatro.

O termo metateatro foi estabelecido por Lionel Abel no 1963 nunha obra titulada Metatheatre. A new view of dramatic form e foi desenvolvida posteriormente por Richard Hornby ao empregar o concepto de metadrama para referirse a aquelas obras que amosan a autoconciencia ficcional duns personaxes que interveñen na propia elaboración escénica e dramatúrxica para construíren un mundo posíbel cuxas normas de funcionamento dependen da propia teatralidade e da conciencia sobre o pacto “estamos no teatro”. As obras metateatrais, por tanto, poñen en funcionamento múltiples recursos e artificios vinculados coa tematización teatral, como por exemplo o xogo de espellos, o desdobramento de personaxes, a estrutura de mise en abîme, o emprego de determinados tipos coma o personaxe-actor ou o personaxe-espectador ou a ruptura da cuarta parede, todos eles de especial rendibilidade, ademais, como fórmulas de distanciamento que permiten a introdución tanto da ironía coma do sentido crítico na interpretación da obra.


O cerco de Leningrado, Teatro do Atlántico (1999)
Foto: Arquivo Teatro do Atlántico

O teatro como tema e as diversas formas de metateatralidade son recorrentes ao longo da historia da literatura dramática, constituíndo un topos específico naquelas obras que tratan a vida como teatro (Calderón de la Barca, Jean Genet, Pirandello) e naquelas que tematizan a propia teatralidade, como acontece en moitos textos de Shakespeare. No teatro galego actual explora esta vía habitualmente a compañía Voadora, dirixida por Marta Pazos, por exemplo en Waltz (2013) e moi especialmente na súa versión de A tempestade de William Shakespeare (2015).

 

Relacionado con