Mise en abîme – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Mise en abîme

Categoría:

Literalmente, “construción en abismo”. Estrutura narrativa e dramatúrxica que consiste na repetición de partes que se amosan coma contidas unhas dentro das outras. Nunha estrutura deste tipo, hai sempre unha historia marco que contén dentro de si unha ou varias historias estruturalmente análogas.

A estrutura de mise en abîme ou desdobramento especular vincúlase coa metaficción ou o metateatro debido ao seu carácter autorreferencial e á súa capacidade para a ruptura da ilusión de referencialidade, disgregando o mundo posíbel en diversas opcións que constitúen no seu conxunto a propia estrutura da obra. Trátase, por tanto, dun tipo metaficcional específico que afecta ao ámbito estrutural e que Gérard Genette vinculou coa metalepse.

Segundo Patrice Pavis, o “teatro dentro do teatro” é a forma dramática máis habitual de mise en abîme, especialmente produtivas, ademais, no teatro contemporáneo e posdramático. Son exemplos de estruturas en mise en abîme, La vida es sueño, de Calderón de la Barca (1635), El cerco de Leningrado, de José Sanchis Sinisterra (1994) ou, no teatro galego, Commedia, un xoguete para Goldoni, de Cándido Pazó (1995) e Copenhague, de Andres Vila e Xosé Cid Cabido (1991).

 

Relacionado con