Bambolina – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Bambolina

Categoría:

Tea, normalmente de cor negra, que se amarra dunha vara e que colga sobre o escenario ocultando as cordas e elementos luminotécnicos ademais de aforar a escenografía, tanto na parte superior coma nos laterais, onde normalmente se crean rúas para a entrada e saída dos actores e actrices ou para realizar a iluminación lateral. A estas bambolinas laterais, chámaselle popularmente patas.

Bambolina. Estrutura e partes. Ilustración: Diego Valeiras

As bambolinas e o bambolinón, a tea horizonzal fontal que ás veces forma parte do propio pano do teatro, axudan a crear un ambiente de ilusión propicio para o efecto da cuarta parede, pois contribúe a enmarcar e fortalecer os efectos visuais do espazo escénico e da iluminación, sen que o espectador se distancie ou tome consciencia da presenza de paredes falsas, imitación de materiais, puntos de luz e son, manipulación de obxectos, tránsito de artistas e técnicos, etc.

Algunhas bambolinas poden estar pintadas e incluso recortadas ou teren prego, dependendo das necesidades da escenografía. Así, denominaremos bambolina de follaxe a aquela que suxira elementos con motivos vexetais ou da floresta, que se realiza para representar espazos exteriores ou naturais. Pode estar recortada en función das liñas e niveis da parte superior dos bastidores ou elementos escenográficos ou tamén pode ir armada, é dicir, enmarcada cuns listóns de madeira. Usualmente, para evitar movementos, engurras ou tropezos, as bambolinas que chegan até o chan, acostuman fixarse cuns pesos. 

Relacionado con