Importante período histórico do teatro europeo do S. XVII en que se consolidan as tradicións teatrais europeas, principalmente o teatro do Século de Ouro español, a Commedia dell’arte italiana, o Clasicismo francés ou o Teatro Isabelino en Inglaterra.
Época de importantes avances en distintos eidos da arte teatral coma a escenografía, coa implantación e a divulgación dos tratados e leis da perspectiva por parte de importantes figuras coma Serlio ou Palladio, a consolidación de novos xéneros escénicos coma a ópera, que bebe dos madrigais e comezando a chamarse favola in musica ou favola per musica, axiña se converte nun espectáculo de masas que require de novos edificios, o chamado teatro á italiana non só para albergar esta cantidade de público popular e da nobreza, senón tamén a diversidade de subxéneros (coma a zarzuela en España) e de efectos da tremoia, cada vez máis sofisticados e tecnificados en grandes óperas que se espallan dende Italia por diversas cidades europeas, onde se pode apreciar a querenza e gran desenvolvemento pictórico no teatro dos efectos do tromp l’oeil ou enganos visuais tanto no arco do proscenio coma nos lenzos pintados, entre os cales destacan os do pintor escenógrafo italiano Buontalenti. Tamén é unha época senlleira no ámbito da literatura dramática, onde destacan os nomes de Shakespeare, Calderón de la Barca, Tirso de Molina, Molière, Lope de Vega, etc.
Neste época podemos falar de moi diversos e orixinais e dunha ampla gama de espazos de representación, característicos de cada país e axustados á socioloxía e circunstancias socio-políticas de cada contexto. No caso de España, estará o curral de comedias para o teatro comercial, os coliseos e reais sitios para o teatro cortesán que bota man das memorias de aparencias dos artistas italianos para a súa realización nestes contextos, e o teatro de rúa, máis común a toda unha tradición europea de cómicos da legua, coas particularidades propias de cada cultura, coma os cegos e a literatura de cordel en España, os representantes de farsas e soties en Francia ou as sagas familiares de cómicos da arte en Italia.
César Oliva e Torres Monreal recórdannos a tipoloxía de compañías nas que se integraban os actores no século XVI e que recolle Agustín de Rojas Villandrando na obra de 1603 titulada El viaje entretenido. Dinnos estes investigadores: “moito se escribiu sobre a socioloxía do actor da época, a súa condición de nómade e vida itinerante. A conduta aberta e aparentemente disoluta levou á constante inimizade coa Igrexa, que, como é sabido, negoulles o dereito a enterro cristián”. No libro citan todos os tipos de compañías que existían e que a partir do ano 1600 precisarían unha licenza oficial para seren consideradas compañía “de título” no territorio español e poderen exercer o seu traballo con seguridade e ordenadamente. Estas son as compañías referidas no libro de Rojas: farándula (tres mulleres, oito e dez comedias), boxiganga (dúas mulleres e un rapaz, seis ou sete compañeiros, seis comedias, tres ou catro autos, cinco entremeses), garnacha (cinco ou seis homes, unha muller que fai de dama primeira e un rapaz a segunda, catro comedias, tres autos e outros tantos entremeses), cambaleo (unha muller que canta e cinco homes que choran, traen unha comedia, dous autos, tres ou catro entremeses), gangarilla (tres ou catro homes, un que sabe tocar, levan un rapaz novo que fai de dama), ñaque (son dous homes, fan un entremés, un pouco de auto, din unhas octavas, dúas ou tres loas) e bululú (que é un representante só que sabe unha comedia e algunha loa).
En Inglaterra e en Francia o teatro contaba coa protección da monarquía, que podemos considerar mecenas das artes. Sirva de exemplo a cantidade de compañías sostidas pola Coroa que están en funcionamento na data da morte de Molière: a do propio dramaturgo e actor, a do Hôtel de Bourgogne, a da ópera de Lully, a do Palacio do Marais ou a da Commedia italiana, ademais da fundación do primeiro teatro nacional do mundo no ano 1680, a Commédie Française.
En Inglaterra, por outra banda, a raíña Isabel II acostumaba asistir ás representacións nos teatros xestionados por empresarios, característicos espazos de planta octogonal coma o famoso The Globe, con teito de palla e a ceo aberto, cun escenario con tellado onde se representaban os espectáculos, con escasa escenografía, aproveitando as columnas de madeira pintadas imitando materiais nobres coma o mármore e os dous niveis na parte posterior do escenario, tanto para os cambios coma para a aparición dos actores, que tamén o podían facer dende unha trampa aberta no chan, coma nos currais de comedias, que reciben o nome de bofetóns, onde se empregan tamén maquinarias para os efectos sonoros e imitación do son da chuvia, treboadas, etc. Aínda que algúns investigadores afirman que nos currais de comedias só se representaba utilizando a luz solar, ás veces filtrada por unha tea enganchada polas esquinas dende os tellados, o certo é que hai rastrexo de vocábulos que nos falan de distintos tipos de iluminación con alcohol ou candeas para potenciar os efectos nas zonas máis escurecidas por este toldo nos currais ou polo tellado da “casa dos actores” dos teatros ingleses. Candís, quinqués, fachos, candeas, etc., son algúns dos recursos que tamén se empregaban nos carros dos cómicos da legua para realizar sombras ou filtrar con cor a luz con gasas e tubos de cristal. Isto tamén explica a cantidade de incendios que houbo en moitos destes espazos.