Dise do primeiro debuxo ou dun borrador esquemático de formas, movementos ou luces dunha posta en escena. Cando se comeza a materializar sobre o papel unha idea sobre a composición escénica, pódese facer un bosquexo, é dicir, un debuxo con cortes, seccións, indicacións esquemáticas, dimensións, cores, materiais ou calquera outro aspecto relevante da estética ou dalgún elemento de significación.
A diferenza dun panel de conceptos, onde un escenógrafo desenvolve dun xeito amplo a súa proposta escénica, un bosquexo amosa as ideas xerais e as principais características dun espazo escénico, como se pode ver en moitos dos debuxos realizados por escenógrafos coma Robert Wilson ou Rolf Borzik para o Tanztheater de Pina Bausch. Como nos di Juan José Gómez Molina, o bosquexo “ten ese algo de entrañable do coñecido-descoñecido, o que nos presenta a cousa como elemento abarcable, persiste aínda a ensoñación e un certo grao de posibles extravíos , pero no peor dos casos, sempre podemos retroceder cara a chaira para orientarnos.”