Sainete – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Sainete

Categoría:

Peza cómica breve de carácter xocoso e que forma parte da tradición popular do teatro español. Podía intercalarse entre pezas maiores e normalmente ridiculizaba ou expoñía burlonamente vicios e comportamentos que podían provocar a risa e a diversión do público por seren perfectamente recoñecíbeis. Estaba escrita en verso octosilábico e foi moi popular na segunda metade do século XVIII. A profesora María Paz Grillo Torres indica esta serie de notas que o definen:

  • Acción mínima.
  • Temática costumista (principalmente barrios urbanos).
  • Verso, xeralmente romance e con linguaxe adaptada a cada personaxe.
  • Personaxes tipo. Son numerosos e oscilan entre as clases baixas e medias: majas e majos castizos, criados, petimetres (seguidores da moda de París, fonte de crítica do que vén do estranxeiro), abates (pedantes e libidinosos), velloucos, cortejos, esposas, soldados, cómicos, etc.
  • Comicidade asentada nunha crítica moi superficial e amábel.
  • Ten autonomía, aínda que se representase ao final dunha obra principal.
  • Vai acompañado de cancións e baile.

A diferenza dos entremeses, os sainetes tenden á corrección, ao decoroso e ao moralista. Seméllanse no lúdico e carnavalesco.

Na literatura dramática galega, A casamenteira, sainete en gallego para cuatro personas de Antonio Bieito Fandiño preséntanos un enredo que pon de manifesto os matrimonios de conveniencia, aínda que o xénero parece ser que non estaba moi claro nin para o autor nin para o editor e realmente non podemos aplicar as características deste subxénero á citada obra (en tres xornadas, asuntos serios, contexto rual, etc.) por máis que apareza no subtítulo a palabra sainete.

Relacionado con