Rúa, Teatro de – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Rúa, Teatro de

Categoría:

Tipo de manifestación escénica que acontece en espazos públicos abertos e que pode ser itinerante ou de representación estática, que busca un rol dinámico da persoa espectadora, pois pode aparecer espontaneamente na súa vida cotiá e provocar calquera tipo de chamada, interacción ou relación paródica.

Podemos establecer distintos tipos de artes escénicas de rúa:

  • Aquelas creadas especificamente para resignificar prazas, lugares de tránsito ou espazos non convencionais.
  • Aquelas que se instalan en lugares abertos, de tránsito e que procuran un efecto inmersivo.
  • As que nos levan a percorrer distintos espazos da man dunha personaxe guía.
  • As que mesturan ao público cos intérpretes, facendo dos primeiros un obxecto poético máis.
  • As que manteñen unha barreira entre o espazo da representación e o do público, ben sexa a través da circularidade, da frontalidade ou dende calquera outra disposición.

As artes de rúa tiveron un forte auxe nos anos 60 do século XX, grazas aos movementos sociais e manifestacións estudantís. O teatro agit-prop e o teatro político botaron man destas artes que saían dos espazos privilexiados para tomar contacto co pobo e realizar intervencións creativas. Así, naceron compañías paradigmáticas coma Bread and Puppet, San Francisco Mime Troupe, etc. Estruturas e marionetas móbiles xigantes, carros, zancos, mimos, pero tamén artes do movemento en espazos coma paredes de edificios (danza vertical) ou a complicidade homorística e irónica.

Na actualidade, o teatro de rúa ten moito desenvolvemento e diversidade e apoios notables en culturas coma a do País Vasco, que conta cunha asociación profesional de Artes de Rúa, Artekale. Comparten coa Federación francesa de Artes de Rúa (país que destaca especialmente polo apoio e a calidade neste ámbito) o seguinte manifesto:

 

Existimos porque é necesario

Nacemos hai 2500 anos

A xente encóntranos por casualidade, ás veces sen sabelo

Actuamos para todos os ollos e orellas

Ocupamos todo tipo de lugares: rúa, descampados, bosques

Campos, patios de veciños, cidades e aldeas….

Dinnos que somos de rúa, é o noso escenario, o noso ring, a nosa elección,

Cultivamos a rúa

Artistas, autores, programadores, técnicos…

Nestes días, cando o mercado o ocupa todo

Cando se provoca o medo para facernos susurrar e poñernos orelleiras,

Cando as distancias aumentan, os letreiros e as barreiras se multiplican,

Cando se roga seguir sen deterse

Reivindicamos alto e claro que hai cousas que ver,

Que compartir, que coñecer,

Centenares de festas e citas, millóns de artistas, millóns de espectadores,

Algo que nós,

Artistas cidadáns inscritos na cidade nos esforzamos en construír, ¡día a día!

Reivindicamos o dereito de vivir do noso oficio

Cremos que a arte pode salvar o mundo,

Pero primeiro e antes que nada

Que se desenvolva

Nunha rúa libre….

En Galicia, o teatro de rúa conta cunha importante tradición que arrinca xa nos anos setenta e á que se sumaron compañías importantes coma Teatro Entroido, con espectáculos dirixidos por Roberto Vidal Bolaño.

Relacionado con