Literatura dramática – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Melodrama

Xénero literario dramático que que nace no século XVIII, moi do gusto da burguesía e que ten un gran éxito ata ben entrado o século XX. Caracterízase por tratar asuntos paixonais e esaxerados, con emprego do suspense como un dos principais recursos dramáticos. Tamén adoita conter música, pois nos seus antecedentes renacentistas era un elemento esencial.

Metadrama

Vid. Metateatro  

Metateatro

Forma de metaficción especificamente teatral na que o propio teatro forma parte da construción do mundo posíbel dramático xerando unha estrutura complexa na que o teatro contén o propio teatro.

Milagre

Xénero teatral relixioso da Idade Media, espallado por Europa. A súa finalidade era principalmente pedagóxica, pois estaba destinada á formación dos monxes.

Misterio

Xénero teatral medieval relixioso, cuxo argumento bebe de pasaxes das Sagradas Escrituras, mesturados con personaxes sobrenaturais coma demos ou anxos e representado en lingua vernácula.

Moralidade

Peza medieval de carácter alegórico que ten unha especial relevancia en Francia e en Inglaterra entre os séculos XIV e XVI e que é froito da evolución dos misterios medievais, pero cun carácter máis secular.

Moxiganga

Xénero breve que ten as súas raíces na festa e no carnaval Barroco e que se caracteriza pola súa brevidade, o carácter burlesco, festivo e o disfrace.